15 de set. de 2017

ALLARIZ

ALLARIZ: UNHA VILA CON HISTORIA E MOITO QUE VER


Xardíns na vila de Allariz, a carón do río Arnoia
Fotos: Santiago Baz Lomba


Infogauda / Redacción

 A actividade local comezou uns mil anos a. C., no castro do Castelo, que domina o río Arnoia, cruzado por camiños estratéxicos, como a Portela de Airavella, Portela de Magarelos, Potovello, Acea Rica,... 

 O topónimo de Allariz retrotráenos ao século VI cando os suevos, con presenza na comarca crean Vila Alaricii. No século XI o rei Alfonso VI manda levantar o castelo e as murallas. No século XII o rei Alfonso VII concédelle á vila o Foro que a converte en Vila Real. O rei Sancho IV nomeou a Allariz “Chave do Reino de Galicia”, ao mesmo tempo que en extramuros medraba unha importante colonia xudía. 

 A vila de Allariz posúe un dos conxuntos urbanos máis interesantes de Galicia, a cal mereceu, en 1971, a declaración de Conxunto Histórico Artístico.   

 O paseo pola vila e as refrescantes paisaxes do río Arnoia mergúllante nun espazo cunha fonda personalidade.   

 Allariz é historia, é tradición, é modernidade e futuro; en resumo, Allariz aseméllase ao seu casco histórico, é harmonía.

Unha das rúas do casco histórico de Allariz, onde pasear é un verdadeiro pracer


 A monumentalidade de Allariz responde á importancia da súa historia. O seu casco histórico ofrece un bo estado de conservación, grazas ao esforzo rehabilitador dos últimos anos, traballo recompensado co Premio Europeo de Urbanismo en 1994.   

 Por isto, pasear polo casco urbano convértese nunha cita imprescindible para galegos e turistas. Facer referencia a un só monumento non é posible en Allariz; toda ela é un monumento que merece ser contemplado e vivido.

 En definitiva, Allariz é unha con historia e moito que ver.

Fontes consultadas: Antonio Blanco e Turismo Allariz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario