24 de set. de 2017

A GUARDA

O Concello e OR.PA.GU. renden homenaxe ao Padre Merino cunha xornada divulgativa   

O acto, durante o que se presentou a reedición da obra “Estudo das Borrascas na Costa Occidental Galega”, rematou co descubrimento dunha placa conmemorativa xunto ao barómetro aneroide situado na Igrexa do Convento de San Bieito

O acto en homenaxe o xesuíta e científico nado en Burgos, rematou co descubrimento polo alcalde Antonio Lomba Baz, dunha placa conmemorativa xunto ao barómetro aneroide situado no exterior da Igrexa que o Convento de San Bieito
Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 A Organización de Palangreiros Guardeses (OR.PA.GU.), en colaboración co Concello da Guarda, celebrou o pasado día 22 de setembro, na súa sede un acto en homenaxe ao Pai Baltasar Merino, coincidindo co centenario do pasamento do botánico e meteorólogo burgalés que residiu na Guarda durante máis de tres décadas.   

 A xornada, co título “A previsión meteorolóxica e a súa repercusión na seguridade marítima”, puxo en valor o labor científico do xesuíta, autor dunha obra de estudo das borrascas na costa galega (publicada en 1893) coa que contribuíu ao mellor coñecemento dos fenómenos meteorolóxicos e marítimos polos mariñeiros e, en consecuencia, á redución das catástrofes a bordo dos pesqueiros.  


 Presidiron o acto o alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba, o delegado territorial da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), Francisco Infante, o coordinador de MeteoGalicia, Juan Taboada, o director xeral de Salvamento e Seguridade Marítima, Juan Luís Pedrosa, e o presidente de OR.PA.GU., Joaquín Cadilla.   

 Relatorios sobre o mar e a ciencia 
 Durante a presentación da xornada, o rexedor local referiuse ao sacerdote como “un home de ciencia, ao que as xentes do mar da Guarda e de toda Galicia débenlle moito”, por ter dedicada boa parte da súa vida ao estudo e divulgación das características das borrascas da nosa costa e o seu vínculo coa seguridade no mar, traballo no que foi pioneiro. E é que, segundo expuso durante o seu relatorio Juan Taboada, os primeiros avances na meteoroloxía como ciencia predictiva datan do ano 1861. 
  

 Na exposición, titulada “A predición meteorolóxica: pasado, presente e futuro”, o coordinador de MeteoGalicia ofreceu unha aproximación histórica á evolución da disciplina, dende os primeiro e rudimentatios pronósticos meteorolóxicos do século XIX ata a actualidade, na que dispoñemos de radares, estacións, satélites e radiosondeos que permiten unhas medicións e predicións máis precisas e fiables. Con todo, salientou o experto, “o primordial no noso oficio é seguir salvando vidas”; especialmente, aquelas que dependen da meteoroloxía para exercer con garantías de seguridade o seu traballo no entorno marítimo.   
 Sobre a evolución dos índices de siniestralidade da flota tratou o director xeral de Salvamento e Seguridade Marítima, facendo fincapé no progresivo descenso anual do número de actuacións da entidade, entre cuxas funcións se atopan as de rescate de persoas na mar e o control do tráfico marítimo.  

O Pai Merino, “home de mundo” 
 O presidente de OR.PA.GU., Joaquín Cadilla, quixo finalizar a xornada lembrando aos asistentes a enorme importancia da obra elaborada polo Pai Merino xa no 1893, “Estudo sobre as Borrascas na Costa Occidental Galega”, que o Concello da Guarda ven de reeditar e por a disposición do público, animando a súa lectura e estudo.   

 “Nos somos os descentes dos mariñeiros que, co seu traballo, o Pai Merino logrou salvar”, afirmou Cadilla, que se referiu ao xesuíta como un “investigador fundamental do século XIX” e un “home de mundo”, que residiu en cidades como A Habana, Baltimore e París, ata chegar ao Colexio Apóstolo Santiago, da Pasaxe (Camposancos), onde permaneceu ata 1916.   


 O acto en homenaxe o xesuíta e científico nado en Burgos, rematou co descubrimento polo alcalde da Guarda dunha placa conmemorativa xunto ao barómetro aneroide situado no exterior da Igrexa que pertenceu o Convento de San Bieito. Durante o descubrimento da lámina, que lembra a vida e a labor do Pai Merino na Guarda, Antonio Lomba sinalou o incalculable valor do barómetro “que semella levar connosco toda a vida, mais foi colocado polo Pai Merino fai preto de 125 anos” para axudar aos mariñeiros da nosa vila.   

 Acudiron tamén ao acto o vicepresidente da Real Academia Galega das Ciencias (RAGC), Franco Fernández, institución que ven de declarar ao Pai Merino como Científico Galego do ano; e membros da Comunidade de Montes de Camposancos, que o mediodía deste domingo 24 de setembro realizaron unha homenaxe no Parque de Chans, coa colocación dunha escultura conmemorativa e o anuncio do redenominación do terreo, que pasará a chamarse Parque do Padre Baltasar Merino. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario