20 de xul. de 2017

TUI

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA E O CONCELLO DE TUI ASINARÁN A VINDEIRA SEMANA O CONVENIO PARA A MELLORA INTEGRAL DAS ESTRADAS PROVINCIAIS DA PARROQUIA DE CALDELAS   

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explicou que a Deputación manterá a titularidade das estradas EP-3004 e a EP-2505 logo das obras de mellora da seguranza viaria   

De esq. a der.: José Martínez Tato, Uxío Benítez e Enrique Cabaleiro, cando visitaron o 14 de febreiro de 2017 unha das zoas de actuación previstas.
Foto: D.P.


Infogauda / Tui 

 A Deputación de Pontevedra e o Concello de Tui asinarán a vindeira semana o convenio para a mellora integral das estradas provinciais EP-3004 e a EP-2505 da parroquia de Caldelas. Segundo indicou hoxe o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, a institución provincial manterá a titularidade das dúas vías grazas a un cambio no acordo inicial que se aprobará na Xunta de Goberno de mañá venres.   

 No documento de acordo entre a institución provincial e o goberno municipal establécese que o investimento será de 589.051 euros, dos que o 80% chegarán das arcas provinciais e o 20% do concello.Inicialmente prevíase unha transferencia de ambas estradas ao concello, mais finalmente, e dado que ambas vías comunican dous concellos (Salceda e Tui) e non teñen tipoloxía urbana, a Deputación decidiu manter a súa titularidade. Unha vez resolto este cambio, o convenio será asinado e procederase á contratación das obras, que poderán iniciarse en outono. 

 Segundo explicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez esta actuación en Caldelas pretende aplicar os novos criterios da Deputación para calmar o tráfico e chegar a unha convivencia segura entre peóns e vehículos. Benítez destacou o grande número de veciños e veciñas que pasan pola parroquia de Caldelas, unha das máis importantes de Tui, e subliñou a importancia de “conformar un contorno viario seguro e tranquilo, fomentando a convivencia de todos os medios de transporte e sistemas de desprazamento, así como repartir de xeito equitativo o espazo público”.   

 A actuación da Deputación en ambas estradas débese ao seu grande uso para chegar a diferentes equipamentos. A EP-3004 une os núcleos rurais de Os baños con O Monte atravesando por o Calvario, mentres que a EP-2505 une os núcleos de O Pozo con O Monte, atravesando por O Piñeiro, ademais de servir de acceso a unha zona escolar, un balneario e unha zona de espazo libre de uso e dominio público á beira do Río Miño. 

 A principal actuación do novo proxecto de mellora integral seráa creacióndunha nova senda de mobilidade peonil. No proxecto tamén se incluirán elementos para reducir a velocidade dos vehículos: redutores físicos de velocidade e pasos de peóns sobreelevados ao longo dos dous tramos. A obra, ademais da senda, incluirá a reposición e mellora da rede de drenaxe, a sinalización e a recuperación do contorno da Igrexa de San Martiño de Caldelas, situada ao borde da EP-3004.

Ningún comentario:

Publicar un comentario