1 de xul. de 2017

TOMIÑO

A SEMANA QUE VEN COMEZA EN TOMIÑO A 2ª EDICIÓN DO “VERÁN CULTURAL: O SON DA PRAZA” 

CINEMA, MÚSICA TRADICIONAL, PINTURA OU ARTESANÍA, A PARTIR DO VINDEIRO VENRES NA PRAZA DO SEIXO

Praza do Seixo (Tomiño)
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño 

 O Concello de Tomiño acollerá no núcleo urbano do Seixo actividades culturais de diferente índole ao longo dos meses de xullo e agosto. Así, tódolos venres de xullo os veciños e visitantes poderán desfrutar á noitiña da proxección de películas de animación ao aire libre, combinando deste xeito o lecer e a vida familiar agora que rematou o curso escolar. O “Cine na rúa”, que se celebra como anos anteriores nas prazas do Seixo e da Mina, é unha das actividades estrela desta programación, e cada ano acada un alto número de participantes, entre os que cabe destacar os máis pequenos e pequenas da familia.  

 O xa coñecido “Barrantes Folk” terá lugar por primeira vez no Seixo o sábado 15 de xullo e reunirá ás bandas de gaitas asturianas de Pola de Siero e El Gumial que, xunto coa banda de San Vicente de Barrantes, mostrarán ante os asistentes a riqueza musical do folclore e a tradición. Ademais, o día 22 do mesmo mes terá lugar outra agrupación musical ao abeiro do “XXIV Encontro dos Pobos”, na que participarán os grupos Harruckem, de Hungría; Do Lusco ó Fusco, de A Guarda; e a Virxe do Alivio, de Tomiño.  
 O remate do mes de xullo virá da man da actuación do famoso e celebre grupo Treixadura, co seu concerto “Vendimia tarda”. O Concello de Tomiño fixo un importante esforzo xunto coa Deputación de Pontevedra para poder contar con esta coñecida agrupación galega. 

 O que queremos é que a os veciños e veciñas se reúnan na súa praza, no seu Concello, e desfruten da cultura dunha forma gratuíta e pública, afirmou Cristina Martínez,  concelleira de Cultura do Concello de Tomiño.  

 O verán cultural que o Concello de Tomiño promove este ano continuará cun programa cargado de actividades tamén no mes de agosto. Venres 11 e sábado 12 os tomiñeses desfrutarán dos concertos de “Blues do País” e “Acevedos Delgados” respectivamente. Para rematar o estío, o cuarto venres de agosto terá lugar o concerto “A outra margem do Miño” ofrecido pola Banda de Música de Goián e Ana Lains, nunha fusión galaico-portuguesa moi atractiva, e o sábado 26 o grupo “Roots 4 Clarinets” pechará a programación de verán.  

 Complementando todas as actividades da programación do verán, levaranse a cabo no Mercado de Tomiño dúas exposicións relacionadas coa pintura e a escultura. A exposición de cerámica e artesanía “A terra transformada en arte” do 1 ao 15 de xullo, e a exposición das obras dos participantes no “V Certame de pintura Antonio Fernández” entre o 22 e o 31 de agosto.  

 Con esta programación Tomiño volve a apostar pola cultura para todos, non como un privilexio senón como un dereito da cidadanía, fomentando ademais a posta en valor da música e cultura tradicionais e o intercambio e mestizaxe cultural con outras culturas como ferramenta de aprendizaxe e enriquecemento.

Ningún comentario: