1 de xul. de 2017

SANTIAGO DE COMPOSTELA

O CGAC reúne seis décadas de traxectoria artística de Luis Gordillo nunha mostra antolóxica 

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presentou onte, acompañado do propio autor, a exposición que reúne unhas 200 obras deste artista que é un referente indiscutible do panorama creativo dos últimos anos

O conselleiro de Cultura atendendo as explicacions de Luis Gordillo, na presentación da exposición

Infogauda / Santiago de Compostela

 O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) abriu ao público desde onte unha mostra antolóxica de Luis Gordillo, cun total de 200 pezas esenciais que representan un percorrido por seis décadas de traxectoria artística deste creador. Acompañado do propio autor, o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, presentou esta mañá esta exposición que poderá visitarse ata próximo o 17 de setembro.
 “Estamos ante un dos artistas españois máis recoñecidos internacionalmente”, subliñou Román Rodríguez, quen se gabou de que esta mostra que recorre todas as súas etapas creativas desde finais dos anos 50 ata a actualidade teña parada en Galicia, xa que forma parte dun proxecto conxunto no que participan cinco relevantes centros museísticos de tres comunidades autónomas, entre os que se atopa o CGAC.
 Segundo o conselleiro, esta antoloxía reflicte á perfección a paixón creadora e dinámica de Gordillo e as múltiples linguaxes que manexa, xa sexan pintura, fotografía, collage, ou serigrafía, e aproveitou para convidar a observar de cerca a obra deste referente indiscutible do panorama creativo nacional dos últimos anos.
Características
 A mostra foi coproducida polo CGAC, o Patronato de la Alhambra y el Generalife, o Centro Guerrero de Granada, o centro Koldo Mitxelena Kulturenea de San Sebastián - Donostia e o Centro Andaluz de Arte Contemporánea (CAAC), espazos nos que poderá verse tamén.

 Comisariada por Santiago Olmo, director do CGAC e Juan Antonio Álvarez Reyes, director á súa vez do CAAC, trátase dunha das exposicións máis relevantes realizadas sobre Luis Gordillo despois das antolóxicas do MACBA (1999) e do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (2007). 

 A través desta selección de pezas constrúese un percorrido, que comeza na planta baixa e conclúe na primeira planta do CGAC, por case seis décadas e todas as súas etapas creativas, cunha especial énfase na súa obra sobre papel e debuxos que se expoñen por primeira vez.

Territorio Gordillo 
 En palabras do propio artista a mostra permite contemplar os carreiros por el percorridos ata configurar un territorio Gordillo. Desde os seus debuxos automáticos da súa etapa informalista, a finais dos anos cincuenta; as súas cabezas de mediados dos sesenta emparentadas co pop art británico; o debuxo de xeometrías brandas dos anos setenta xunto ás súas investigacións na fotografía e a reprodución mecánica da imaxe; a súa produción dos complexos anos oitenta, representados principalmente pola serie dos “meandros”, os anos noventa, con obras crave como “Mondrian inspira, Mondrian expira”, ata desembocar na última serie de cabezas que realizou en 2015.

 A produción de Gordillo caracterizouse por facer máis complexas as categorías estéticas e os dilemas artísticos, buscando saírse das simples definicións e de marcos preestablecidos, para o que desenvolveu unha constante investigación e experimentación permanente como a levada a cabo coa fotografía desde os anos setenta, e xa nos 2000 a súa obra pictórica céntrase en procesos e metodoloxías de carácter fotográfico. Para esclarecer a faceta peculiar e pioneira de Gordillo, no folleto da exposición inclúese un texto do artista acerca da súa relación coa fotografía e unha conversación con Santiago Olmo.

 Tras pasar pola Facultade de Dereito, formouse na Escola de Belas Artes, e no ano 1958 realizou a súa primeira viaxe a París onde entrou en contacto co “informalismo”, coñecendo posteriormente o “pop art”, estética que lle ofreceu novos camiños de expresión.

 Outro dos episodios que marcarían a traxectoria artística de Luis Gordillo, e que explica a súa época pop, é a súa viaxe a Londres. Alí coñece a obra de Hamilton e a de Hockney entre outros e, pouco despois, as novas propostas norteamericanas, a través da exposición Arte de España e América, onde Robert Rauschenberg, Jasper Johns e Larry Rivers espertaron aínda máis o seu interese por esa nova e suxestiva figuración.

Recoñecementos
 Luis Gordillo expuxo en mostras antolóxicas ou retrospectivas en museos como MACBA (Barcelona, 1999), Museum Folkwang (Essen, Alemaña, 2000), IVAM (Valencia, 1993) e Meadows Museum (Dallas, Estados Unidos, 1994), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (Madrid, 2007), Kunstmuseum (Bonn, Alemaña, 2008), CAC de Málaga (2012), Artium (Vitoria-Gasteiz, 2015), CAAC (Sevilla, 2016).
 
 E tamén regularmente na Galería Marlborough, tanto nas sedes de España coma na de Nova York, desde a súa incorporación á galería no ano 1992.

 Luis Gordillo recibiu un unánime recoñecemento e numerosos galardóns entre os que destacan o Premio Nacional de Artes Plásticas (1981), o Premio Andalucía de Artes Plásticas (1991), a Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes (1996), o Caballero das Artes e as Letras de Francia (2007) e o Premio Velázquez (2007).

Ningún comentario:

Publicar un comentario