1 de xul. de 2017

DEPORTES

O GOIÁN C. F. ASINA UN CONVENIO DE COLABORACIÓN CO REAL CLUB CELTA DE VIGO

O CLUB CONVÉRTENSE NO PRIMEIRO DO BAIXO MIÑO EN FORMAR PARTE DA ESCOLA DE FÚTBOL DO CELTA 

A alcaldesa de Tomiño e o concelleiro de Deportes, con representantes do R. C. de Celta e do Goián, C.F.
Foto: C. T.

Infogauda / Tomiño 

 A sinatura do convenio tivo lugar esta semana no Concello de Tomiño e contou coa presenza da Alcaldesa de Tomiño, Sandra González; o Concelleiro de Deportes do Concello, Ismael Troncoso; e persoas representantes do R.C. Celta de Vigo e o Goián C.F.. 

 Ao longo da colaboración o Celta transmitirá os seus coñecementos deportivos aos adestradores e monitores do Goián durante as vindeiras tempadas. Os coñecementos compartidos non estarán baseados unicamente en aspectos técnicos, senón que buscan ir máis aló e incluír tamén métodos socio-deportivos e socio-educativos que fomenten valores e habilidades como o traballo en equipo, respecto e cooperación, convivencia ou compañeirismo entre outros. 

 Os aproximadamente 100 mozos e mozas que se verán favorecidos por este convenio, encádranse dentro das categorías inferiores, ata a de xuvenís, e supón sen dúbida, unha oportunidade de mellora e adaptación para progresar nas novas técnicas de adestramento existentes na actualidade. 

 O Concello de Tomiño destaca a importancia deste convenio, que supón unha oportunidade para o Goián FC de seguir mellorando de xeito integral e fortalecendo a aposta polo deporte de base.

Ningún comentario:

Publicar un comentario