3 de xul. de 2017

BAIXO MIÑO

Nidia Arévalo critica a “incapacidade política” do Bipartito da Deputación para executar investimentos  

• A Conta Xeral sinala que en 2016 os investimentos propios e as transferencias que os concellos recibiron reducíronse en 30 millóns con respecto a 2015, e foron un 30% menos que en 2012. 

• Denuncia que hai un “abuso e tendencia preocupante cara os contratos menores, que escapan á concorrencia e á transparencia e fomentan a adxudicación directa”.  

Nidia Arévalo, voceira do PP na Deputación de Pontevedra

Infogauda / Baixo Miño


 Nidia Arévalo, voceira do PP na Deputación de Pontevedra, sinala que desde a chegada do Bipartito PSOE-BNG á Deputación de Pontevedra a comarca de Baixo Miño sae perdendo, e puxo como exemplo a “incapacidade política” do Goberno Provincial para executar investimentos.   

 A deputada popular explicou que en 2016 o total de investimentos propios da institución provincial e das transferencias que fan aos concellos foron 40,2 millóns de euros, “exactamente 30 millóns de euros menos que en 2015, a pesar de que o orzamento da Deputación foi lixeiramente superior en 2016 (151,9 millóns de euros), e un 30% menos que en 2012, ano no que todos os concellos e tamén a Deputación tivemos que facer un importante esforzo de contención do gasto pola crise económica”.  

 Así, lamentou que gastaran 30 millóns de euros menos nunha das partidas máis importantes para a provincia e para os concellos. “Non son datos do PP, son datos obxectivos que publica a propia Deputación a través da súa conta xeral, pero que desde logo concordan con moitas das mensaxes que desde o noso grupo estivemos dando nos últimos dous anos”, engadiu.   

 “Falamos dun recorte inversor que explica o estado de abandono e deterioro das estradas provinciais, que explica a paralización de proxectos; a falta de apoio aos concellos; que non se licitaran proxectos, pero falamos tamén de un Bipartito e de unha presidenta que é incapaz de xestionar e de atender as necesidades da provincia”, sinalou Nidia Arévalo.   

 Desde o PP tamén chamaron a atención sobre as estatísticas na contratación directa da Deputación. Segundo a Conta Xeral, en 2016 só se contrataron obras, subministros e servizos por valor de 14,9 millóns de euros, un 65% menos que en 2015.  

 “E estes poucos investimentos executáronse, nun 91,5% a través de contratos menores, sen publicidade, o que amosa a pouca transparencia desta nova Deputación”, salientou. Así, denunciou que “hai un abuso evidente e unha tendencia preocupante cara os contratos menores, contratos sen ningún tipo de publicidade, que escapan á concorrencia e á transparencia e fomentan a adxudicación directa”. Dos 665 contratos que se fixeron o ano pasado, 609 foron procedementos menores, 50 abertos e 6 negociados.  

 Nesta liña, a deputada popular dixo que “estes datos son contundentes e demoledores para este Bipartito”, e recordou que entre os obxectivos que o Goberno provincial se marcou para este mandato foron a transparencia e a man tendida aos concellos, “e agora vemos que é un goberno prepotente, sen proxecto e cero transparente”.  Recordou ademais que “desde o PP levamos moito tempo falando da paralización á que este Goberno ten sometida a provincia, e hoxe estes datos amosan que tiñamos razón. Non hai liderazgo nesta Deputación, están antepoñendo os seus intereses partidistas aos concellos da provincia”. 

 “Esperemos que nestes dous anos que quedan, se poñan a traballar en serio por esta provincia, que deixen a prepotencia e que analicen ben estes números. Sei que lles molestan, pero son os datos que saen da súa falta de xestión”, concluíu. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario