30 de xul. de 2017

A GUARDA

O peixe espada, gran protagonista na Guarda  durante esta fin de semana 

As xogadoras do Clube de Balonmán Mecalia Atlético Guardés pronunciando o pregón da Festa do Peixe Espada, en presenza do presidente do clube José Manuel Silva Vicente
Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O porto da Guarda acolle durante esta fin de semana a tradicional Festa do Peixe Espada, organizada pola Organización de Palangreiros Guardeses (OR.PA.GU.) en colaboración co Concello da Guarda. A celebración arrancou na tardiña do venres, pasadas as 20:00 horas, co pregón inaugural a cargo das campioas da Liga de División de Honra do Balomán Feminino, do Clube de Balonmán Mecalia Atlético Guardés.   

A imaxe reflicte o intre da intervención do alcalde Antonio Lomba Baz 

 O alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba Baz, foi o encargado de dar a benvida ó acto de inauguración, dedicando un merecido recoñecemento á labor realizada polos organizadores, grazas aos cales esta décimo cuarta edición da festa gastronómica é posible.   

Un pregón de campioas 

O equipo guardés, que ven de firmar un acordo de patrocinio con OR.PA.GU., aproveitou a ocasión para amosar o seu novo equipamento, no que se inclue o logotipo coa silueta do peixe espada, representativo da organización. 

Xogadoras e técnicos do Mecalia Atlético Guardés

 Xa lucindo a nova camiseta, a capitana do Mecalia Atlético Guardés, Estela Doiro, tomou a palabra agradecendo o apoio tanto dos afeccionados como dos patrocinadores, para pasar a eloxiar as virtudes nutricionais do peixe protagonista da festa e animar á inclusión deste alimento nas nosas dietas.   

Os comensais acreditaron á calidade do producto da Festa do Peixe Espada

 Tras o pregón, a xerente da Organización de Palangreiros Guardeses, Juana Parada, fixo entrega dos premios ás gañadoras do II Concurso de Relatos “Homes de Mulleres do mar”, para a mosense María Calvar, de 12 anos; e o Concurso de Carteis “Festa do Peixe Espada”, que foi para Mikaela Rodríguez, de 10 anos de idade e alumna do Colexio PP. Somascos, de A Guarda. 

 A organización tamén agasallou, facendo entrega dunha figura conmemorativa da festa, elaborada polos alumnos co Centro San Xerome Emiliani, ás pregoeiras do Mecalia Atlético Guardés e ó Concello da Guarda, como agradecemento a súa colaboración.       

Programación deportiva e lúdica 

 O acto rematou coa presentación do II Campionato Galego Inclusivo de Náutico Adaptado, organizado polo Clube Náutico Sen Amarras, que se celebra no porto da Guarda.

Vista parcial dos asistentes o Concerto ofrecido o venres a noite, pola Banda de Música Agrupación Musical da Guarda

 A charanga Cantos Somos animou aos primeiros comensais da festa, para dar paso ó concerto “Tributos Pop&Rock” ofrecido pola Banda de Música Agrupación Musical da Guarda, no exterior da carpa.  

 A entrega dos premios da competición celebrouse onte á tarde, na carpa do porto, tras as actuacións do Coro Fuscalheiro e o Grupo de Acordeóns Mascarenhas. Este último volveu á amenizar esta xornada gastronómica tras a entrega dos premios e, xa ás 23.00 horas, a música tradicional cedeu o espazo á electrónica, da man do DJ Diego Wass.  

 Este domingo as actuacións musicais comezarán as 15:00 horas, co Grupo de baile e gaitas Do Lusco ó Fusco e, chegadas as 19:00 horas, a música tradicional galega volverá coa actuación do Grupo de gaitas A Boalleira.   

 Amais destas actividades, a festa conta con mercado artesanal durante todo o día e outras actividades dirixidas aos máis pequenos, como inchables, pintacaras e obradoiros entre as 15:00 e as 21:00 horas. 

 O domingo engádense as actividades acuáticas organizadas polo Clube Alagua, que ofertará clases de vela para os cativos.   

Variada oferta gastronómica e lúdica 

O peixe espada ofrécese en diferentes preparacions, todas elas moi saborosas

 Os establecementos hosteleiros participantes nesta XIV edición da festa (Cangrexal, O Roxo, Xantar e Xeito) ofertan un total de 16 preparacións distintas do peixe espada, entre pratos e tapas cuxos prezos non superan os 8 euros. Así, os visitantes poderán degustar o tradicional prato de espada á prancha con cachelos ou noutras variedades como guisado, en salpicón, en empanada ou empanadillas, croquetas, en zorza, en tostas, en escabeche, ao peregrino; fideuá, tortilla ou quiche con peixe espada, e bocadiños de espada con salsa alioli. 

 A oferta gastronómica complétase con sobremesas da Confitería Estévez e o posto de productos gourmet en conserva de OR.PA.GU. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario