20 de xul. de 2017

A GUARDA

O Concello de A Guarda e o Mecalia Atlético Guardés acordan coa Xunta de Galicia a reforma do vestiario do pavillón da Sangriña   



Vista parcial do pavillón deportivo da Sangriña
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba Baz, e o concelleiro de Deportes guardés, Manuel Javier Crespo González, recibiron esta mañá á Secretaria Xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, ao xefe do Servizo Provincial de Deportes, Daniel Benavides Alonso, e ao presidente do Clube de Balonmán Mecalia Atlético Guardés, José Manuel Silva Vicente, para concretar o destino dos fondos que a Xunta de Galicia facilitará ó Concello guardés para a mellora das instalacións do pavillón da Sangriña.   

 Os representantes da Xunta e o rexedor asinarán proximamente un convenio, cunha dotación de 50.000 euros, para acometer as obras necesarias no pavillón. Atendendo ás suxestións expostas polo presidente do Atlético Guardés, estes fondos destinaranse á reforma do vestiario, mais o rexedor quixo destacar a necesidade doutras obras urxentes, como a reforma nas instalacións eléctricas. Pola súa parte, Marta Míguez comprometeuse durante o encontro a continuar coas xestións para conseguir os fondos necesarios para realizar estas obras.   

 Dende o Concello confíase nun futuro compromiso por parte da Xunta co proxecto de reforma e ampliación do pavillón, que xa está a ser elaborado pola Deputación de Pontevedra.   

 Con todo, tanto o Concello, como os representantes da Xunta de Galicia e o Clube amosaron a súa satisfacción cos resultados da reunión, na que foi posible o entendemento entre as tres partes, necesario para poder levar a cabo as melloras nas instalacións deportivas que habitualmente utiliza o Atlético Guardés non seus encontros.   

 Nos próximos días, comezarase a traballar na reparación da cuberta do pavillón, unha obra que se levará a cabo contando co financiamento da Deputación de Pontevedra, con cargo ó Plan Concellos 2017.

1 comentario: