O BNG solicita paneis informativos sobre correntes nas praias do río Miño
Ángel Luis Baz Vicente (portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda: “Unha información axeitada evita riscos de accidentes, sobre todo, a quen descoñece o río”.
Ángel Luis Baz Vicente na praia da Lamiña (Camposancos)
Foto: BNG
Infogauda / A Guarda
O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO presentou un escrito no Concello da Guarda solicitando unha serie de “medidas encamiñadas á mellora do sistema de salvamento nas praias do río Miño”.
“Para o BNG o incidente vivido a semana pasada na zona da Armona e a Lamiña, é - segundo referiu Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda - un aviso serio de que hai eivas no sistema de socorrismo no río Miño”.
“O BNG entende que hai que cumprimentar o sistema coa colocación de paneis informativos con advertencias sobre o perigo das correntes no río Miño, especialmente na zona da Armona e a Lamiña”, puntualiza Ángel Luis Baz.
Socorristas sen embarcación de salvamento
“O BNG considera unha irresponsabilidade ter un dispositivo de socorrismo para praias sen ningunha embarcación de apoio. Ante isto, o BNG instou ao alcalde da Guarda a posta en marcha dunha praza de patrón”, afirmou Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG.
“Para o BNG é difícil de entender como o Alcalde da Guarda sae en todos os medios de comunicación cunha embarcación de salvamento e agora, cando realmente hai que poñela en funcionamento, non se usa.
Non pode ser que teñamos que depender da vontade e dispoñibilidade dun particular para patronear unha embarcación nun operativo de salvamento. É unha situación moi grave, mentres o Alcalde da Guarda presume de Bandeira Azul, temos un servizo de salvamento con deficiencias”, comentou Ángel Luis Baz.
Por iso “o BNG insta ao goberno municipal a que se tomen todas as medidas necesarias para que o servizo de salvamento conte cunha embarcación de apoio e a mellora da información sobre os perigos das praias do río Miño”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario