14 de xul. de 2017

A GUARDA

O Concello de A Guarda colabora coa campaña solidaria #súmatedoasangue  



Infogauda / A Guarda

 O Concello da Guarda e a Axencia Galega de Doazón de Sangue e Órganos (ADOS) impulsan de novo a participación nas campañas de doazón de sangue para garantir o labor dos hospitais galegos, que precisan preto de 10.000 doazóns de sangue cada mes para atender a todos os doentes. 

 O verán é a época de maior dificultade para a doazón de sangue. Os enfermos ingresados nos hospitais galegos seguen a precisar a solidariedade dos veciños e veciñas e, por iso, o Concello distribuirá unha carta informativa animando á doazón.  

 Poden doar sangue todas as persoas con idades comprendidas entre os 18 e os 65 anos e que teñan un peso superior ós 50 quilos. O persoal sanitario revisará a saúde das persoas que se acheguen ata a unidade móbil de ADOS, antes de levar a cabo a doazón de sangue. 

 A unidade móbil de doazón de sangue estará na Praza Avelino Vicente (na parada do bus) o venres 18 de agosto, de 10.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 21.00 horas; e o sábado 19 de agosto, de 10.00 a 15.00 horas.  

 A Guarda acadou 84 doazóns por cada 1.000 habitantes en 2016, o que o convirte no concello de maior taxa de doazón da provincia de Pontevedra e o obxectivo é manter esta participación solidaria ao longo deste ano. 

 Queremos facer un agradecemento especial as persoas que participan cada ano nas campañas de doazón de sangue. Grazas a este xesto solidario, os hospitais atenden aos enfermos de cancro e leucemia e levan a cabo, cada día, unha media de 2.700 urxencias, 500 intervencións cirúrxicas e 3 transplantes de órganos e tecidos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario