28 de xuño de 2017

SALCEDA DE CASELAS

VÍA LIBRE PARA AS OBRAS PARA A MELLORA DO CRUCE DA ESTRADA PROVINCIAL ENTRE CERQUIDO E BORRALIÑO EN SALCEDA DE CASELAS  

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez anuncia que no Pleno provincial do venres resolveranse as alegacións ás expropiacións necesarias e o proxecto pasará a contratación  

A actuación ten un orzamento de 115.745 euros   

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, con Marcos Besada, alcalde de Salceda de Caselas, e Miguel González, concelleiro de Vías e Obras, supervisando in situ, o.proxecto de mellora da seguranza viaria na EP-2503 entre Cerquido e Borraliño no Concello de Salceda de Caselas
Foto: D.P.

Infogauda / Salceda de Caselas

 O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou hoxe que a Deputación provincial resolverá o vindeiro venres no Pleno ordinario as alegacións presentadas ás expropiacións do proxecto de mellora da seguranza viaria na EP-2503 entre Cerquido e Borraliño no Concello de Salceda de Caselas. A Corporación aprobará definitivamente o proxecto, que ten un orzamento de 115.745 euros, e pasará o expediente ao departamento de contratación, polo que o inicio das obras poderán ser unha realidade nas vindeiras semanas.   

 Segundo manifestou Benítez, a Deputación de Pontevedra está a priorizar as actuacións relativas á seguranza viaria, dándolle "prioridade absoluta" á mellora e reforma de zonas de alta sinistralidade. "Temos identificados puntos perigosos en toda a provincia aos que estamos dando solución. No caso de Salceda de Caselas a demanda de acondicionamento deste cruce é histórica, polo que atendemos a solicitude do alcalde", sinalou o nacionalista. 

 Para resolver a intersección dos camiños municipais, segundo explicou o deputado, prevese a ocupación de nove parcelas privadas que permitirán crear unha nova área pavimentada para delimitar novos carrís de incorporación e agarda. Para isto foi preciso iniciar un expediente de expropiación forzosa, que sometido a información pública recibiu unha alegación por parte dunha das propietarias das parcelas afectadas. Esta alegación estimouse en parte (valorando tamén na expropiación 15 piñeiros, 16 eucaliptos e 6 carballos), mais desestimouse a expropiación total da parcela, cunha superficie de 637 metros, xa que só son precisos 357,45 metros cadrados.  

 No proxecto, a maiores da ampliación da plataforma, corrixiranse os peraltes. Ademais, para a elección do novo firme tívose en conta a importante densidade de camións que pasa pola zona, cun tránsito estimado de entre 100 e 199 vehículos pesados por día por ser unha zona preto de áreas industriais como o polígono industrial de O Cerquido.   
 Así mesmo, implantaranse dous elementos redutores de velocidade en forma de pasos de peóns sobreelevados en ámbolos extremos de actuación, limitando a velocidade a 30 quilómetros hora.  Tamén se remodelará o alumeado, potenciándoo na zona de cruce con sete novas luminarias tipo led e retirando as catro actuais. Finalmente, será preciso recuar un poste de formigón de telefonía e instalarase nova sinalización vertical e horizontal adecuada á nova configuración prevista no proxecto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario