9 de xuño de 2017

PONTEVEDRA

AREEIRO ADVIRTE DO PERIGO “ELEVADO” DE INFECCIÓN POR OÍDIO ATA O PECHE DOS ACIOS E ACONSELLA MANTER A VIXILANCIA POLO MILDEU NAS VIÑAS  

Os técnicos sinalan que é preciso aplicar tratamento contra o escaravello nas patacas se aínda non se levantaron as plantas 



Infogauda / Pontevedra

 A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación Provincial de Pontevedra, vén de publicar o seu último aviso fitosanitario, no que advirte do “elevado” perigo de infección das viñas por Oídio, que se prolongará ata o peche dos acios, e da necesidade de manter unha boa vixilancia tanto por este patóxeno como polo Mildeu. Durante estes días, e ante as diferentes previsións meteorolóxicas existentes, a principal recomendación é a revisión dos viñedos e a renovación do tratamento -só se aparecen novos síntomas-, así como realizar labores de limpeza da vexetación para procurar máis aire e luz e protexer os acios. 

 Segundo indican os técnicos, esta semana obsérvase un incremento significativo do tamaño dos grans–de ata 3mm- máis acusado nunhas parcelas que noutras. O ano anterior a estas alturas estábaseentrando na fase do “callado” da uva, aínda que compartindo presenza coa floración e, sen embargo, a día de hoxe moitos grans presentan unha dimensión incluso maior da mencionada, xa  que, por exemplo,nalgunha finca de seguimento de Vide (O Condado) o tamaño da uva xa permite que se toquen os grans entre si. 

 A situación das parcelas de seguimento con respecto ao Mildeu permaneceu con ausencia de síntomas nos últimos días salvo nas partes das plantas quenon foran alcanzadas polos funxicidas nos últimos tratamentos. As diferentes axencias meteorolóxicas non coinciden nas previsións de choiva para a próxima semana, no réxime e dirección dos ventos e nas temperaturas previsibles, polo que o principal consello é observar ben aquelas as fincas que estean próximas a concluír o período de protección. 

 En canto ao Oídio, desde a floración a viña atópase nun período sensible á enfermidade que se prolongará ata o peche do acio, o que se agrava pola climatoloxía reinante estes días. Polo tanto, e aínda que non se atopan novos síntomas, hai que manter a vixilancia nun nivel elevado e, se hai que facer unha intervención fronte ao Mildeu, renovar igualmente o tratamento fronte a este patóxeno.   

 Outras plantas e cultivos  
Con respecto a outros cultivos, dende Areeiro lembran da necesidade de realizar tratamentos nas maceiras contra as couzas das mazás. Sinalan que dous machos nas trampas é o límite a partir do que se debe tratar e que, en caso de non ter trampas de seguimento, a protección debe ser continua para evitar a presenza de froitos danados. Polo de agora, segue sen haber síntomas de moteado e os síntomas de Oídio están estabilizados, polo que non se require actuación. 

 No caso da pataca, Areeiro advirte de que o risco de infección é bastante alto debido á elevada humidade relativa que se rexistra, que supera o 70% de media en todas as zonas. Por iso, aconséllase manter as plantas protexidas, pero prestando atención ao prazo de seguridade nos casos en que se estean a levantar plantas para aproveitar os primeiros tubérculos. En canto ao escaravello, tamén se están a observar adultos e larvas deste insecto atacando ás plantas en moitas fincas, nalgúns casos dun xeito moi evidente. A recomendación é que se aínda non se van levantar as plantas débese aplicar un tratamento. 

Finalmente, con respecto ao buxo e aos ataques de Cydalimaperspectalis, obsérvanse máis postas e larvas aínda moi pequenas nas sebes, que continúan mantendo sas as súas follas, e sen unir polos fíos de seda. “Novamente non aplicaremos tratamento nas sebes que temos en Areeiro (e continuaremos revisando outras) á espera de que aparezan síntomas evidentes xa que, segundo o que levamos mirando, non é en absoluto urxente iniciar as aplicacións”, explica a técnica Rosa Pérez Otero.

Ningún comentario: