6 de xuño de 2017

PONTEVEDRA

ÚLTIMOS DÍAS PARA VISITAR A EXPOSICIÓN ‘IMAXINAR A EDUCACIÓN.50 ANOS CON FRATO’ NO PAZO DA CULTURA, QUE PECHARÁ O DOMINGO 11  

Dez colexios realizarán as últimas visitas concertadas e os derradeiros ‘roteiros Tonucci’ ata o venres  

A mostra está aberta de balde ao público xeral e ofrece un percorrido polas tiras máis recoñecidas do pedagogo Francesco Tonucci, así como espazos de xogo e obradoiros nos que nenos e nenas poden desenvolver libremente a súa creatividade  

En total, pasarán pola exposición –de xeito concertado- 57 centros educativos de 24 concellos da provincia e outras localidades do país
Fotos: D.P.

Infogauda / Pontevedra


 A exposición ‘Imaxinar a educación.50 anos con Frato’ que a Deputación de Pontevedra abriu o pasado 28 de abril no Pazo da Cultura sobre a traxectoria e as viñetas de Francesco Tonucci encara xa a súa recta final. O último día para visitala será este domingo día 11 en horario de mañá.   
 A mostra está a resultar todo un éxito, xa que a mediados de maio xa superaba os 4.000 visitantes, cifra na que se contan tanto as visitas concertadas cos colexios de toda a provincia como tamén as realizadas de xeito libre por grupos, asociacións, entidades e veciños e veciñas de Pontevedra e outros concellos. Nos vindeiros días están organizadas as recepcións de grupos de escolares dos CEIP A Xunqueira I, CEP Pedro Caselles –Tomiño-, CEIP Plurilingüe San Benito de Lérez, CRA Antía Cal de Gondomar, CEIP A Xunqueira II, EEI de Vilariño de A Pobra do Caramiñal, CEIP Otero Pedrayo de Vigo, CEIP Santa MariñaBecerreira Cabral de Vigo e do CEIP Plurilingüe de Guillarei, de Tui.  


 En total, pasarán pola exposición –de xeito concertado- 57 centros educativos de 24 concellos da provincia e outras localidades do país, estando adheridos dez deles ao proxecto ‘Cidades das nenas e dos nenos’ de Francesco Tonucci, que propón que os espazos públicos se deseñe ná medida das crianzas para que sexan válidos para o resto dos cidadáns. 


 A exposición ‘Imaxinar a Educación. 50 anos con Frato’ fai un percorrido polas viñetas máis representativas de Francesco Tonucci –asinadas co seudónimo de Frato dende hai 50 anos-, que aportan unha visión do mundo moi crítica a través dos ollos das crianzas. Ao mesmo tempo ofrece un grande espazo de xogos e obradoiros para que nenos e nenas desenvolvan libremente a súa autonomía, intelixencia, creatividade e a súa capacidade para aprender e construir: hai un obradoiro de bicicletas, un para crear figuras de construcións, un espazo de xogos tradicionais, un área de natureza para facer experimentos e incluso zonas de teatro e debate abertas a todos os visitantes. O que se busca, principalmente, é a interacción cos visitantes. 

 A exposición está aberta ao público no Pazo da Cultura, de balde, durante todos os días da semana nos seguintes horarios:  

Luns: de 10 a 14 horas.  
Martes a Venres: de 10 a 14 horas e de 17 a 20 horas. Sábados: de 11 a 13.30 horas e de 17 a 20 horas. Domingos: de 11 a 14 horas.  

Roteiro Tonucci 
Ademais da exposición do Pazo da Cultura, a Deputación segue a realizar os chamados ‘roteiros Tonucci’ da man de Migallas Teatro. A intención é que pequenos e pequenas de diferentes vilas da provincia–e tamén da capital- gocen da cidade de Pontevedra, considerada a cidade dos nenos e das nenas polo propio Francesco Tonucci, aproveitando os espazos públicos gañados ao coche.  

 Os roteiros finais serán mañá mércores, o xoves e o venres, con rapaces dos CEIP Manuel Vidal Portela, Froebel, Xunqueira I, Xunqueira II (de Pontevedra) e do CEIP Plurilingüe de Guillarei (Tui). En total, unha vez finalizadas estas actividades, terán gozado das xincanas pola cidade preto de 800 nenos de toda a provincia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario