29 de xuño de 2017

MOVEMENTOS SOCIAIS

COMUNICADO DA FGAMT-CIG EN RESPOSTA ÁS INFORMACIÓNS TRASLADADAS POLA CONSELLARÍA DE INFRAESTRUTURAS



FGAMT-CIG / Santiago de Compostela

 Ante as informacións que a Consellaría de Infraestruturas está difundindo interesadamente a través dos medios de comunicación a respecto do anteproxecto do plan de transportes e os motivos que levan á convocatoria de folga, a FGAMT-CIG quere facer as seguintes aclaracións: 

 1. Non é certo que haxa máis de 80 empresas presentadas aos contratos do plan de transportes da Consellaría. Isto é así porque non existen tales contratos. O que hai son uns anteproxectos aos que a Consellaría obriga as empresas a preinscribirse se queren ter información detallada das condicións dos contratos e presentarse á posterior licitación. 

 O que está ocorrendo é que hai moitas empresas que se están preinscribindo de xeito preventivo para obter información. Pero isto non quere dicir, ni moito menos, que rematen presentando oferta para eses contratos.  

 2. Hai bastante certeza de que algúns dos contratos van quedar desertos pola insuficiente asignación económica. Se isto pasa, que solución vai ofrecer a Xunta? Lanzamos esta pregunta porque a Consellaría fártase de asegurar que os actuais xestores das concesións non poden continuar a partir do día 8 de agosto. Pero se esas rutas quedan finalmente desertas, que pasará con elas, desaparecerán ou que solución ofrecerá a Xunta? As propias présas da Consellaría poden provocar que parte do territorio galego quede sen transporte a causa da manifesta incompetencia do Goberno galego. 

 3. A FGAMT-CIG tamén quere desmentir as afirmacións da Consellaría a respecto de que con este plan aumentarán os postos de traballo. A Xunta incide moito en que se incrementará o número de acompañantes, mais isto non é verdade, xa que o persoal acompañante que irá nos servizos de liña é o mesmo que xa facía o transporte escolar. O que hai é un traslado de acompañantes do servizo do transporte escolar específico ás liñas regulares.  

 Do que non fala a Consellaría é de que este persoal verá desreguladas as súas condicións, posto que até o de agora tiñan contratos polo tempo aproximado que duraba a ruta escolar, mais en ningún apartado dos novos contratos de explotación se establece nin cal vai ser o seu tempo de traballo, nin como van regresar até o punto de orixe (pois os autobuses seguirán a súa ruta normal unha vez deixen ao alumnado no centro). 

4. Dende a FGAMT-CIG moito nos tememos que atrás deste plan se agoche un "pelotazo" igual ao que se deu no último concurso do sector de ambulancias, no que a administración vendeu publicamente que estaba elaborando uns contratos para a pequena empresa galega, pero finalmente unha multinacional de fóra do país foi quen se fixo co 50% do sector.  

 5. Finalmente, informar que, ante o inmobilismo da Consellaría, as centrais sindicais CIG, UGT e CCOO acordaron convocar asembleas de traballadores/as nas estacións de autobuses para o día 4 de xullo, ás nove da mañá, coincidindo coa xornada de folga, nas que se propoñerá ao persoal para a súa votación, pasar á folga indefinida a partir do 13 de xullo. 

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario