22 de xuño de 2017

LABORAL

Convocan folga indefinida en Denso polos incumprimentos da empresa e a falta de avances na negociación do convenio 

A contratación, os ritmos de traballo e a suba salarial son os principais puntos de desacordo entre a compañía viguesa e o cadro de persoal 

Infogauda / Vigo

 O comité de empresa de Denso, compañía do sector da automoción con sede en Vigo, vén de convocar folga indefinida a partir deste luns 26 para denunciar os incumprimentos da empresa no que respecta ao convenio colectivo en vigor e a parálise da negociación do novo convenio. A contratación, os ritmos de traballo e a subida salarial son os principais puntos de desacordo entre a dirección e o cadro de persoal da compañía situada no polígono industrial de Valadares. 

 Dende a federación de Industria da CIG de Vigo explican que o paro convocado polo comité de empresa (8 delegados/as da CIG, 1 da CUT, 1 de CCOO e 1 da UGT) dará comezo este luns ás 6.00 horas, momento no que os traballadores/as se concentrarán ás portas da fábrica situada no polígono industrial de Valadares. 

 Fontes sindicais afirman que detrás desta convocatoria de folga atópanse os reiterados incumprimentos” da compañía no referente ao actual convenio e a falta de avances na negociación do novo a pesar de que até o de agora se teñen celebrado 14 xuntanzas entre as partes. 

 Entre os principais incumprimentos da empresa e os desacordos en canto á renovación do convenio salientan a contratación, os ritmos de traballo e a subida salarial. No referente ao primeiro aspecto, o convenio en vigor fixa que o 85% dos contratos ten que facelos a propia compañía, mentres que o 15% restante pódense facer a través de empresas externas (por exemplo ETT). “Pero nestes momentos o parcentaxe do persoal de produción contratado mediante firmas exteriores”, detallan.

 En canto aos ritmos de traballo, denuncian que como consecuencia do aumento dos pedidos tivo lugar unha subida das cadencias nas liñas “sen que isto supuxese a contratación de máis operarios/as”. A cuestión salarial é outro dos escollos que impide un achegamento, xa que até o de agora tampouco hai avanxes no incremento dos soldos que debe de recoller o novo convenio. Denso é unha transnacional xaponesa filial de Toyota que fabrica componentes para o sector da automoción. 

 Denso Sistemas Térmicos España, unha das filiales europeas do grupo, conta con arredor de 500 empregados/as (300 de empresa e 200 de compañías externas) en Galicia e dedícase á fabricación de equipos de climatización para vehículos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario