13 de xuño de 2017

LABORAL

“SECTOR NAVAL: A RECUPERACIÓN DA PRECARIEDADE”



César Rodríguez Martínez / Vigo

 A federación de Industria da CIG de Vigo desenvolverá unha concentración de delegados/as sindicais diante da Inspeccción de Traballo (r/ Cánovas del Castillo) este mércores 14 de xuño de 11:30 a 12:30 horas para denunciar a inacción da autoridade laboral fronte ao incumprimento do convenio do naval, que está a provocar un incremento da explotación e da precariedade no sector.

 Dende a CIG-Industria explican que o naval, un dos sectores económicos mais importantes da economía galega e prioritario na nosa comarca, leva seis anos de parálise na contratación pola falta de compromiso político das distintas Administracións no que atinxe á defensa dos nosos sectores produtivos ante a Unión Europa, mais tamén pola falta dun plan industrial específico para o sector.

 Esta situación agravouse pola mala xestión dalgúns estaleiros, que levou á destrución de máis de 100 empresas e 10.000 postos de traballo, entre elas moitas das históricas e coa estrutura necesaria para poder liderar unha futura recuperación do sector. Ademais, a desregulación actual compromete o futuro das poucas que aguantaron.

 Cómpre lembrar que nos anos anteriores á crise, cunha alta carga de traballo, os empregados/as do sector foron quen de converter o noso convenio como referente a nivel estatal. “Non nos regalaron nada, todo se logriu a base de loita, a loita lexítima da nosa clase para alcanzar as mellores condicións salariais e de traballo .

 Agora, cando se visualiza unha tímida recuperación logo de tocar fondo, pretenden precarizar estas condicións de traballo até niveis de escravitude, chegando a cobrarse “impostos revolucionarios” ao traballo por parte dalgunhas mal chamadas empresas; o incumprimento do convenio é maioritario, facéndole unha competencia desleal ás poucas compañías que entenden a necesidade da regulación para garantir a estabilidade e o futuro do sector.

 Para que negociar un convenio se non se lles esixe cumprilo? Dende a CIG témolo claro, polo que levamos tempo denunciando e seguirémolo a facer sempre que se sigan a dar situacións de explotación. A situación que están a padecer os traballadores/as do sector ten responsábeis, especialmente os que miran cara a outro lado, entre eles a Xunta de Galiza e a Inspección de Traballo, que teñen a obriga de controlar e facer cumprir as condicións de traballo dos galegos/as.

Ningún comentario:

Publicar un comentario