7 de xuño de 2017

GALICIA

O tecido asociativo de Galicia crea a Rede de Patrimonio Cultural 

Máis de cincuenta asociacións, entre elas Proxecto Socheo, participan nesta iniciativa para vertebrar a defensa e promoción do noso patrimonio material e inmaterial  

Representantes de máis de cincuenta entidades culturais e patrimoniais de toda Galicia abriron o proceso para a creación da Rede polo Patrimonio Cultural Galego


Informa: Proxecto Socheo 

 “A cultura é a identidade do noso pobo”. Con esta premisa, máis de cincuenta entidades culturais e patrimoniais de toda Galicia abriron o proceso para a creación da Rede polo Patrimonio Cultural Galego, unha entidade cuxo principal obxectivo será velar pola protección, a divulgación e a defensa do patrimonio cultural do país. 33 delas estiveron presentes na xuntanza fundacional da Rede no museo do Pobo Galego o pasado sábado 3 de xuño. Nas vindeiras semanas, as asociacións que refrenden os acordos tomados constituirán xa formalmente esta Rede de Patrimonio Cultural.  

 A rede servirá coma un instrumento de axuda e unha ferramenta de difusión das actividades de todas as asociacións e entidades que participan dela e tamén para promover accións e campañas en defensa do noso patrimonio cultural en ámbitos institucionais, sociais e territoriais aos que a cada unha destas entidades, por si soas, lles resulta difícil acceder.  

54 entidades de gran diversidade territorial e sectorial  
 54 entidades de todo o país, que reúnen desde grupos culturais de carácter local ou comarcal, grupos de investigación universitarios e asociacións de carácter profesional uníronse no que é a primeira rede vinculada ao patrimonio cultural que se crea en Galicia, un país onde a cultura e o patrimonio constitúe unha importante fonte de riqueza tanto social como económica e un valioso activo cara o futuro. As entidades participantes na rede manterán a súa independencia, aínda que participarán do seu calendario común de actividades.  

 Unha planificación anual  
 A Rede polo Patrimonio Cultural Galego realizará campañas –dúas ou tres por ano–, que afecten a aspectos económicos, lexislativos, administrativos, sociais ou educativos relativos ao patrimonio cultural, á súa conservación, protección e promoción. Ademais, as entidades participantes acordaron impulsar mecanismos e compartir recursos para divulgar o patrimonio, especialmente na ensinanza, co obxectivo de que os máis pequenos crezan cos valores do amor a súa historia e a súa cultura.  

 Por outra banda, consciente de que forma parte dun espazo cultural e histórico concreto, a rede tamén apoiará campañas que non só se subscriban á Galicia territorial, senón tamén campañas que abrangan outros espazos, coma o norte de Portugal ou as zonas fronteirizas de Asturias e de Castela e León. Neste senso, dará apoio a iniciativas como a de Ponte das Ondas.  

 A Rede polo Patrimonio Cultural Galego conta xa coa web redepatrimonio.gal para difundir as súas actividades e a de todas as entidades participantes e creará unha intranet para as comunicacións internas.  

 A creación desta nova entidade de defensa do patrimonnio é froito de semanas de contactos entre distintas entidades. Máis de 50 de toda Galicia amosaron o seu interese en participar nela e 33 ratificaron os acordos para impulsala nunha xuntanza que tivo lugar este sábado no Museo do Pobo Galego, en Santiago.  

 As entidades que participan no proceso de fundación da Rede de Patrimonio Cultural son: 

A Gentalha do Pichel, A. C. Arrincadeira, A. C. Cultura do País, ADEGA, Alén Nós , Amigos do Arqueolóxico, Asoc. Cultural Festa da Prehistoria, Asociación ABERTAL del Eo-Navi, Asociación ambiental e cultural Petón do Lobo, Asociación Amigos do Patrimonio de Castro Verde, Asociación Amigos dos Castros, Asociación Betula, Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!, Asociación Cultural O Bión, Asociación Cultural Pereira Adiante, Asociación cultural Sonora, Asociación de Amigos do Parque do Pasatempo, Asociación de Veciños O Chedeiro, Asociación galega Cova Crea, Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, Asociación Monte Pindo Parque Natural, Asociación Nordés, Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego, Asociación profesional CRG da Conservación e Restauración de bens culturais de Galicia, Asociación profesional de guías de turismo de Galicia, Asociación Xermolos Buxa, Asociación Galega do Patrimonio Industrial, Colectivo A Rula, Colectivo defensa Patrimonio A Forneiriña, Colectivo defensa territorio ANOVATERRA, Colectivo Patrimonio dos Ancares, Comunidade de Montes de Baroña, Etnoga Patrimonio Cultural, SL, Formas Cip SL, Fundación Alexandre Bóveda, Fundacion Eira, Fundación Galicia Sustentable, Fundación Terra Termarum Castrolandín, Grupo de Investigación “A Laxe da Irena”, Grupo de Investigación Roda, Irmandade Augas Santas, Irmandade Illa de Tambo, Irmandade Santo Estevo, Liga Céltica Galaica, Mariña Patrimonio, Monterrei Cultura e Territorio e Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei, Noutrora, O Colado do Vento, O Sorriso de Daniel, O Suído, Patrimonio dos Ancares , patrimoniogalego.net, Phottic Plataforma pola recuperación do Sar, Proxecto Socheo, Roxí Roxal, Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), Sociedade Histórica e Cultural Coluna Sanfins, Sos Arte Rupestre, Umia Vivo, www.historiadegalicia.gal

Ningún comentario:

Publicar un comentario