13 de xuño de 2017

GALICIA

A Xunta de Galicia inicia este xoves a vacinación fronte a hepatite A en adultos de risco 

A situación epidemiolóxica en Galicia determina un aumento significativo na incidencia desta infección

Infogauda / Santiago de Compostela

 A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade iniciará o vindeiro xoves a vacinación gratuíta fronte a hepatite A nos centros de saúde para adultos que pertenzan aos grupos de risco prioritario.
 A situación epidemiolóxica en Galicia indica un aumento significativo na incidencia desta infección dende o pasado ano, con cinco casos ate mediados de xuño no 2016 fronte a 22 neste mesmo período de 2017. Afecta fundamentalmente a persoas de entre 20 e 44 anos. Esta situación tamén se está dando noutros lugares de España e Portugal e, aparte das medidas hixiénicas, unha medida fundamental para poder controlar o andazo é a vacinación.
 Tendo en conta esta situación, e tamén que nestes vindeiros meses de verán van ser necesarias un maior número de doses para cubrir a vacinación en viaxeiros a zonas de risco de infección por hepatite A, a Consellería de Sanidade reitera con este reforzo da vacinación a información aos grupos para os que se lles indica.
 Todas as vacinas deberán administrarse segundo as indicacións do programa galego de vacinación e deben ser rexistradas.

 Indicacións da vacina

 Só se inmunizará as persoas pertencentes aos grupos de risco: todos aqueles que teñan contacto estreito con persoas con hepatite A (a vacina é efectiva como medida postexposición, administrándoa na primeira semana tras a exposición); persoas con hepatopatía crónica; persoas que recibiron ou están esperando un transplante hepático; persoas con condutas sexuais de maior risco; persoas que se inxectan drogas; persoas con risco ocupacional; e viaxeiros non inmunes que se desprazan a zonas de alta ou moderada endemicidade de hepatite A (para que a vacina sexa efectiva débese administrar polo menos dúas semanas antes da viaxe).
 En canto ao andazo que se está producindo entre homes que teñen sexo con homes (HSH) recoméndase iniciar canto antes a vacinación, pois neste momento considérase o grupo prioritario. Sempre que sexa posible, Sanidade recomenda realizar seroloxía para determinar a susceptibilidade en nados con anterioridade a 1977.

 Hepatite A

 A hepatite A é unha enfermidade infecciosa aguda producida polo virus da hepatite A (VHA). As manifestacións da enfermidade abranguen dende un período de síntomas inespecíficos, como falta de apetito, náuseas e malestar xeral, ata a ictericia (cor amarela na pel e mucosas) e signos de lesión hepática, con hepatite fulminante en menos do 0,5% dos casos.
 A enfermidade, que ten un período de incubación (tempo transcorrido entre o contacto co virus e o inicio dos síntomas) de entre 15 e 50 días, coa media en 28-30 días, adoita ser moi leve en nenos e máis grave nos adultos, nos que non é rara a hospitalización.

 O modo máis común de transmisión do VHA é persoa a persoa, por vía fecal-oral, e os andazos adoitan relacionarse co consumo de auga contaminada, de alimentos contaminados polos manipuladores infectados, incluídos os alimentos que se comen crus ou que foron manipulados despois da súa cocción; de moluscos crus ou mal cociñados collidos en augas contaminadas e de vexetais, como leitugas e froitas contaminadas.

 Pero neste momento, dadas as melloras nas condicións hixiénicas da sociedade, o mecanismo máis común de transmisión en Galicia e España adoita ser polas relacións sexuais oroanais ou oroxenitais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario