26 de xuño de 2017

A GUARDA

O BRUXO QUEIMAN E ANDREA POUSA, PREGOEIROS  DE EXCEPCIÓN DA XXVII FESTA DA LANGOSTA E DA COCIÑA MARIÑEIRA

Estarán na Praza do Reló o venres día 30 de xuño 


O actor vigués Bruxo Queiman e a cantante de Tomiño, Andrea Pousa, pregoeiros da XXVII Festa da Langosta e Cociña Mariñeira

Infogauda / A Guarda

 Nesta edición da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeirao Concello de A Guarda decidiu apostar pola cultura atlántica e así potenciar a data de comezo do evento gastronómico coa lectura do pregón, e a posterior apertura da carpa da festa.  

 O venres 30 de xuño ás 21:00 h., na Praza do Reló o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, procederá a nomear ao actor vigués Bruxo Queiman e a cantante de Tomiño, Andrea Pousa, como pregoeiros na XXVII Festa da Langosta e Cociña Mariñeira

 A forza tan carismática en escea do actor Bruxo Queiman e a sensibilidade creativa de Andrea Pousa asegurará que a lectura do pregón terá selo persoal e diferenciado xa que estes dous artistas sempre ofrecen un gran sentimento aos eventos que asisten.  

Bruxo Queiman e Andrea Pousa tamén actuarán ás 23.00h na carpa do Portiño Novo, onde presentarán ao público o seu novo espectáculo << MILSON’S >>


 Despois do pregón o escenario trasládase á carpa da festa, situada no Portiño Novo, onde o Bruxo Queiman e Andrea Pousa actuarán ás 23:00 h. onde presentarán ao público o seu novo espectáculo << MILSON’S >>. Este é un espectáculo-concerto que mistura dun novo xeito o legado tradicional como son as cantigas mariñeiras ou as recollidas nos cantos de taberna, con ritmos e melodías máis actuais. Unha atractiva e orixinal proposta tanto sonora como visual, cunha estética coidada no vestiario e na escenografía. O grupo está formado por músicos cunha amplía traxectoria internacional no mundo folk. Presentes en eventos internacionais como o Festival Intercéltico de Ortigueira ou o Festival de Lorient. 

 En MÍLSON´S os artistas son masculinos pero a compañía adaptou este espectáculo para a festa da langosta e contará coa voz lírica de Andrea Pousa e doutras novidades. 

 O Bruxo Queiman e Andrea Pousa son dous representantes desta cultura atlántica. En 2014 crearon a compañía galega de espectáculos musicais e eventos, Queiman e Pousa, coa finalidade de ofrecer espectáculos nos que o público poida identificarse coas raíces e tradicións que continúan vivas ou que foron evolucionando ao longo das xeracións de galegos. Esta compañía ofrece uns espectáculos cheos de calidade escénica, poesía artística e música tradicional fusionada con outras ramas musicais e demais recursos expresionistas que abraian ao espectadores.  

 O Bruxo Queiman é o recoñecido actor vigués Enrique Domínguez que fundou anos atrás con outros compañeiros a Compañía Teatral Avento, de Vigo, un dos grupos teatrais con maior traxectoria na nosa Comunidade e Portugal. Ao longo dos anos, o actor participou en numerosas obras, películas e series televisivas como “Rías Baixas” ou “Para ti Shakespeare”. Pero o gran recoñecemento chegoulle co seu papel como o “Bruxo Queiman”, con máis de 10 años de traxectoria por España e outros países como Brasil, Colombia, Arxentina, Emiratos Árabes, etc. Recibiu o Premio Cume do Suído, 2014. Actualmente encárgase da dirección artística dos espectáculos de Queiman e Pousa

Andrea Pousa cantante melódica-lírica e actriz nacida en Tomiño, dende moi pequena amosou o seu interese polo canto e aos 15 anos xa foi seleccionada como unha das mellores voces femininas de Galicia no Festival da Canción. Participou no proxecto educativo “Ponte nas Ondas” para a divulgación do Patrimonio cultural Galego-Portugués. Andrea posúe unha capacidade de converter cada canción nunha obra de arte viva, sensitiva e transformadora. Complementa a súa carreira de canto coa de actriz e a súa última aparición foi en “Cenerentolla” de La Fiesta Escénica, en Italia e Suiza. 

 Queiman e Pousa, recorren con seus diferentes espectáculos o mundo, levando sempre o sentimento e o corazón da súa terra co fin irmandar a nosa cultura atlántica coa do resto do mundo. 

 Esta labor socio-cultural dos dous artistas fixo que foran recoñecidos como os “Embaixadores e difusores da Cultura Atlántica”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario