A Deputación recibe outros 2 millóns de euros dos fondos europeos para un proxecto transfronteirizo de xestión de residuos
O proxecto ESTRAEE, que liderará a institución pontevedresa, busca "un salto cualitativo" na xestión ambiental dos residuos eléctricos e electrónicos e a adaptación ás directrices europeas
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra
Foto: D.P.
Infogauda / Pontevedra
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou hoxe en rolda de prensa, da aprobación por parte da Unión Europea dunha nova achega de máis de dous millóns de euros, que permitirá a posta en marcha dunha estratexia transfronteiriza para a xestión dos Residuos de Aparatos Eléctricos e Electrónicos (ESTRAEE). Este programa ten por obxectivo a mellora da protección ambiental e o fomento de tecnoloxías innovadoras na xestión dos recursos, xerando sinerxías entorno á reciclaxe.
Trátase, en palabras de Carmela Silva, dun proxecto "que pretende dar un salto cualitativo" na xestión ambiental e na adaptación á estratexia europea 2020 no ámbito da protección dos recursos naturais e eficiencia na xestión dos recursos. E, nese aspecto, a presidenta amosou a súa satisfacción por ter acadado estes novos fondos europeos "máis tendo en conta que se realiza en colaboración con Portugal, o que nos permite que o espazo tranfronteirizo Provincia de Pontevedra-Norte de Portugal lidere medidas de protección do medio ambiente."
A presidenta da Deputación fixo ademais un chamamento para que todos os concellos da provincia se sumen a este programa de xeito que se poida por en marcha unha estratexia conxunta de mellora de todos os puntos limpos e impulso de plans de negocio relacionados coa reciclaxe.
Segundo informou Silva, este programa pretende implantar melloras no sistema municipal de recollida dos concellos e a adecuación dos puntos limpos á Directiva Europea , de xeito que se garanta un correcto almacenamento dos residuos de aparatos eléctricos e electrónicos.
O programa tamén ten por obxectivo a posta en marcha de mecanismos para unha mellor identificación das categorías dos residuos que sexan susceptibles de ser reciclados, a creación dun procedemento de acceso aos centros de preparación para a reutilización dos residuos e tamén a monitorización e análise do estado actual da reutilización que se está a facer. Por último, tamén se crearán novos protocolos e un plan de negocio para a xestión destes refugallos.
Nesta ocasión, a Deputación de Pontevedra actuará como socia líder do proxecto, no que tamén participan outros catro socios españois e dous portugueses, todos eles con ampla experiencia no sector da reciclaxe e da innovación tecnolóxica. Así forman parte desta iniciativa internacional a empresa porriñesa Revertia, experta na xestión de residuos e impulsa acción de responsabilidade social corporativa; o centro tecnolóxico con sé en Vigo, EnergyLab, que estuda e impulsa a eficiencia e sostibilidade enerxética; ERP España; LIRSA; e as portuguesas ERP Portugal e LIPORT.
Estes fondos da Unión Europea súmanse aos tres proxectos anteriores aprobados por Europa para este goberno, cun orzamento total que supera os sete millóns e medio de euros. Así ata agora, a Deputación provincial puxo en marcha, grazas á financiación europea, o proxecto IN 4.0", para o impulso da dinamización e competitividade da industria naval; o SMART MiÑO, para o impulso de estratexias de cooperación intelixente no Río Miño Transfronteirizo, e o VISIT RIO MINHO, para a preservación e valorización deste mesmo río.
Ningún comentario:
Publicar un comentario