18 de maio de 2017

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra recibe 101 obras a concurso para o certame "Novos Valores 2017" 

O deputado de Cultura, Xosé Leal, salientou a "consolidación do modelo de bolsas de estudos e a oportunidade de expoñer no Museo como fórmula de premio"  

O deputado de Cultura, Xosé Leal e os membros do xurado do certame Novos Valores 2017
Foto: D.P.


Infogauda / Pontevedra

 O xurado do certame Novos Valores 2017 mantivo esta mañá a primeira das súas xuntanzas, co obxecto de seleccionar as obras que pasarán a participar na mostra Novos Valores 2017. Nesta edición recibíronse un total de 101 obras, das cales 25 corresponden á categoría pintura, 27 a escultura, 20 a fotografía, 8 de vídeo creación, 7 en debuxo, 4 en gravado, 1 en deseño e 9 no apartado de varios. Segundo indicou o deputado de Cultura e Lingua, esta edición de Novos Valores supón "a consolidación do modelo de bolsas de estudos e a oportunidade de que os gañadores expoñan no Museo como fórmula de premio". Hai que lembrar que esta fórmula de premiar ás persoas gañadoras cunha bolsa de estudos foi recuperada no pasado exercicio volvendo a vista cara aos antigos ‘pensionados'. Así, elimináranse os premios en metálico e trocáronse por bolsas cunha contía de 7.500 euros cada unha (30.000 euros en total). Neste sentido Leal lembrou que "a concesión de axudas a creadores e creadoras no inicio da súa carreira artística é unha fórmula historicamente ben acollida" ao tempo que sinalou que "a nosa idea é que este premio sexa un trampolín que lles dea proxección cara ao futuro". 

 O xurado nesta edición está formado polo profesor e artista pontevedrés Manuel R. Moldes; pola artista e catedrática Yolanda Herranz; polo comisario e crítico de arte Miguel Fernández Cid; pola decana da Facultade de Belas Artes, Silvia García; polo director do Museo, Carlos Valle; pola técnico provincial de Xestión Cultural María del Carmen Baloira; e polo xefe do Servizo de Cultura e Lingua, Antonio Santos, como secretario. Nesta primeira xuntanza todos os integrantes do xurado realizaron unha primeira visualización das obras das diferentes disciplinas e está previsto que desta sesión saia xa unha proposta da selección de pezas que participarán na mostra Novos Valores 2017. A selección definitiva das obras gañadoras realizarase nunha segunda xuntanza do xurado –aínda sen data-. Os traballos seleccionados exporanse ao público nunha das salas de exposicións temporais do Sexto Edificio entre o 3 de agosto e o 17 de setembro.  

 A concesión das catro bolsas realízase a través dun convenio entre os gañadores e gañadoras e a Deputación, no que se concreta o seu emprego e o prazo, que non será superior a un ano. Nese tempo, os bolseiros e bolseiras deberán entregar unha memoria xustificativa do traballo e do investimento realizados e tamén unha obra orixinal e asinada. Como recoñecemento ao seu traballo, a institución provincial comprométese como culminación do certame a programar nas instalacións do Museo unha exposición con obras das catro persoas premiadas. De feito, entre o 10 de outubro e o 12 de novembro terá lugar a mostra conformada polas obras aportadas polos artistas premiados coas bolsas outorgadas no certame Novos Valores 2016: Diego Vites, que gañara na sección de pintura; María Maquieira en debuxo, Basilisa Fiestras en escultura e Olmo Cuñas en vídeo creación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario