16 de maio de 2017

LABORAL

Bershka recúa no traslado de persoal de Vigo a outras zonas tras a convocatoria dunha folga indefinida 

A empresa do grupo Inditex pretendía desfacerse de 16 traballadoras alegando o peche de dúas tendas

As secretarias comarcais da CIG-Servizos en Vigo e Pontevedra, Transi Fernández e Diana Rodríguez, ofreceron esta mañá unha rolda de prensa xunto a catro das cinco delegadas do comité de Bershka a nivel provincial, todas da CIG
Foto: CIG


Infogauda / Vigo

 A empresa Bershka, pertencente ao grupo téxtil coruñés Inditex, deu marcha atrás na súa proposta de trasladar 16 traballadoras das dúas tendas que pretende pechar en Vigo a outras zonas tras a convocatoria de folga indefinida presentada polo comité de empresa, integrado por cinco representantes da CIG. Dende a federación de Servizos da central denuncian que a verdadeira intención da compañía era “facer limpeza” e desfacerse de persoal fixo, con antigüidade e coa xornada laboral modificada por conciliación familiar.     

 As secretarias comarcais da CIG-Servizos en Vigo e Pontevedra, Transi Fernández e Diana Rodríguez, ofreceron esta mañá unha rolda de prensa xunto a catro das cinco delegadas do comité de Bershka a nivel provincial, todas da CIG, para anunciar a convocatoria de folga indefinida a partir deste xoves 18 no caso de que a dirección non dese marcha atrás na súa proposta de trasladar 16 compañeiras a outras zonas do país e mesmo de fóra (Ourense, Lugo ou Asturies) alegando o peche de dúas tendas, as ubicadas nos centros comerciais de Camelias e da Travesía.  

 Mais pouco tempo despois as partes chegaban a un acordo que contempla a recolocación das 16 afectadas nas outras dúas tendas que a empresa ten na cidade (situadas no centro comercial Gran Vía e na rúa Urzaiz), tras o que se desconvocou a folga. Esa era precisamente a principal esixencia do comité, como tamén fixar unha indemnización de 45 días por ano traballado até 2012 e de 33 a partir dese ano para as empregadas que decidan aceptar a baixa voluntaria.  

 Cambio de modelo de venta  
 Na comparecencia diante dos medios as responsábeis sindicais aseguraron que o peche destes establecementos non responde a motivos económicos, senón a causas organizativas. “O grupo Inditex pretende cambiar o seu modelo de venta, eliminando tendas pequenas e facendo tendas máis grandes con menos persoal”. Ao mesmo tempo, sinalaron que con esta decisión a compañía desfaise de traballadoras fixas (15 das 16 teñen un contrato deste tipo), con antigüidade e coa xornada laboral reducida por causa da conciliación familiar (10 das 16).  

 Finalmente, e unha vez asinado o acordo coa empresa, dende a CIG-Servizos amosaron a súa satisfacción pola recolocación das traballadoras, que se negaban a seren trasladadas xa que suporía un cambio de domicilio e peores condicións laborais. “Temos que lembrar que estamos a falar dun sector feminizado e precarizado no que moitas empregadas teñen xornadas parciais, polo que non podiamos consentir que unha compañía propiedade do home máis rico do mundo as quixese trasladar, fastidiándolles o seu proxecto de vida e a conciliación familiar”.

Ningún comentario: