16 de maio de 2017

A GUARDA

A Feira do Libro chega á súa X Edición cargada de actividades para tódolos públicos  

Celebrarase o domingo 21, na Praza do Reló,  durante todo o día



Infogauda / A Guarda

 A Feira do Libro de A Guarda cumpre dez edicións e quere celebrar esta efeméride por todo o alto, cunha intensa programación que atraerá ata a Praza do Reló a toda a familia: música para os mais pequenos, teatro para os maiores, sinatura de libros e algunha que outra sorpresa. 


 Atlántica, Petete, Cervantes, Ler, Libraida, Ideas e Multinovás son as librerías da Guarda, O Rosal e Gondomar que compoñen o cartaz da Feira do Libro 2017. Todas elas terán durante toda a xornada libros á venda cun vinte por cento de desconto.  

  Cantamos un conto? 

 Ás 12:30 os máis pequenos teñen unha cita coa música de Luis Vallecillo, que no seu espectáculo Cantamos un conto? propón un repaso polos contos clásicos (Os tres porquiños, o Parrulo Feo, O gato con botas,...) en versión rock e blues. Luis Vallecillo leva xa máis de doce anos percorrendo a xeografía galega e madrileña para achegar a música e a literatura ós nenos dun xeito diferente e divertido. O seu estilo rockero e de blues, fai que os seus espectáculos sexan non só aptos para a  nenos senón tamén para os pais.  

 Fina Casalderrey e Mesa redonda de blogueros 
 A xornada de tarde estará máis cargada de propostas, ó concentrarse grandes citas literarias. Ás 17:30h. terá lugar unha mesa redonda cuns protagonistas moi especiales, rapaces moi novos que comparten os seus gustos literarios a través dos seus blogs. Así Pablo García Freire mantén o Blog “Lectureka, ou como ser un devoralibros”, Daniel Portela é redactor do blog literario Super Fun  e colaborador da revista dixital La Avenida de los Libros e por último Paula Torrón é a redactora de Mil y una historias. 

 Sen dúbida unha ocasión estupenda para que os amantes da literatura, xa sexan novos ou máis maiorciños, poidan compartir con eles as súas experiencias.  


 Tralo debate literario, outra gran cita nos espera ás 18:30h. na Praza do Reló, é a sinatura de libros de Fina Casalderrei, unha das autoras mais prolíficas da nosa literatura, con incontables títulos xuvenís, infantil e de adultros, sen dúbida unha oportunidade fantástica para que a familia poida acudir a unha sinatura de libros conxunta.  

 Daboapipa, teatro música e narración


 E por último como broche final o espectáculo de peche da Feira virá da man de Daboapipa, compañía teatral especializada en contadas, argalladas e historias. Presentannos “Historias de vida, amor, guerra e case morte” como unha proposta a medio camiño entre a narración oral, o teatro e a música en vivo. Ao longo de varias historias recollidas de experiencias reais, contarannos historias dos nosos maiores achegándonos dun xeito agarimoso a realidade en que vivían.

 Tralo espectáculo, realizarase o tradicional sorteo de lotes de libros entre os consumidores da Feira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario