16 de maio de 2017

A GUARDA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA INICIA A MELLORA DO FIRME DA RÚA CONCEPCIÓN ARENAL, ENTRE A ALAMEDA E O PORTO  

As obras iniciaranse este xoves 18 para que a estrada estea en condicións para a celebración da festividade do Santísimo 

A actuación consiste na rehabilitación integral do firme, fresando a capa de rodadura existente e repoñendo o asfaltado nas zonas máis deterioradas
Foto: D.P.


Infogauda / A Guarda

  O departamento de Mobilidade de Pontevedra ven de informar que realizará de xeito inmediato a mellora do firme dun treito de máis de medio quilómetro da rúa Concepción Arenal, a estrada provincial EP-3401 de acceso ao Porto de A Guarda. A actuación consiste na rehabilitación integral do firme, fresando a capa de rodadura existente e repoñendo o asfaltado nas zonas máis deterioradas.   

 Esta actuación, realizada pola área dirixida polo deputado Uxío Benítez Fernández, ten un orzamento de 5.996,61 euros e pretende deixar a zona de tránsito da vía, dende a Alameda ata o Porto, en bo estado para a celebración do Corpus, festividade pola que se realizarán as tradicionais alfombras florais. A obra realízase despois da reunión mantida co alcalde da vila e a intención é iniciar os traballos este xoves día 18 e que estean finalizados como máximo nunha semana.    

 Esta actuación na rúa Concepción Arenal non é a única que a Deputación de Pontevedra ten en carteira para a rúa. Hai que lembrar que a institución provincial realizou un Estudo de Mobilidade para a vila no que se propón un deseño da estrada máis orientado a promocionar a mobilidade peonil, segura, sustentable e inclusiva, para o que se está a traballar da man do concello.   

 A mellora de Concepción Arenal baixo eses criterios de mobilidade sustentábel poderían chegar a curto prazo no caso de que o proxecto para o acceso alternativo ao Porto de A Guarda saia adiante. Nese sentido, o deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, lembra que a Deputación de Pontevedra está a traballar na elaboración dunha proposta e que se pretende implicar á Xunta de Galicia na súa execución, xa que ao tratarse dunha vía de acceso a unha zona portuaria sería da súa competencia. “É necesario enlazar a zona portuaria mediante eixos de comunicación máis eficientes que os actuais para os vehículos, evitando que camións de grandes dimensións e tonelaxeteñan que pasar polo núcleo da vila a través de Concepción Arenal”, sinalou envarias ocasións Benítez. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario