A Conselleira de Infraestruturas e Vivenda asina un convenio de colaboración con Asemaco para difundir as axudas da Xunta á rehabilitación en Galicia
O Goberno galego destaca a importancia de potenciar o eido da rehabilitación, xa que concretou que este sector é o que máis postos de traballo xera por euro investido
O convenio estará vixente dende a súa sinatura ata o 31 de decembro de 2017, podendo prorrogarse por un período igual ao da vixencia do mesmo
Unhas 6.300 familias galegas poderán beneficiarse este ano das medidas de impulso da rehabilitación de vivendas ás que a Xunta destinará 39 millóns de euros
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, asinou hoxe co vicepresidente da Asociación de Empresarios de Materiais para a Construción (Asemaco), Bernardo Comesaña, un convenio de colaboración
Infogauda / Galicia
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, asinou hoxe co vicepresidente da Asociación de Empresarios de Materiais para a Construción (Asemaco), Bernardo Comesaña, un convenio de colaboración para a divulgación das axudas en materia de rehabilitación vivenda en Galicia.
O Goberno galego busca a potenciación das actuacións de rehabilitación, xa que é preciso reforzar o eido da rehabilitación, xa que que este sector é o que máis postos de traballo xera por euro investido. O convenio estará vixente desde hoxe ata o 31 de decembro de 2017, podendo prorrogarse por un período igual ao da vixencia do mesmo.
En 2017, cos programas de rehabilitación da Xunta, cubrirase case o dobre de familias que no pasado exercicio, é dicir, 6.300, xerando ademais un investimento inducido de 58 millóns de euros. Neste sentido, os programas recollidos no Plan Rehavita xa permitiran que o ano pasado, 3.644 familias se beneficiaran das axudas e actuacións directas de rehabilitación, que contaron cun investimento do Goberno galego de 17,2 millóns de euros.
O Executivo autonómico está a redobrar os esforzos nesta materia nesta lexislatura, xa que a rehabilitación mellora a calidade de vida dos galegos e actúa como un factor dinamizador da actividade e do emprego.
Para elo, ten formulada unha estratexia global de rehabilitación que xa ten o seu reflexo nos Orzamentos de 2017, xa que case 40 millóns de euros permitirán poñer en marcha os novos programas e continuar coas liñas de axuda establecidas, que teñen demostrado a súa efectividade, incrementando incluso a súa dotación, para que poidan chegar aínda a máis familias.
Este ano xa están activadas as axudas para a mellora da eficiencia enerxética, unha nova liña de traballo está cofinanciada con fondos FEDER e permite aos concellos realizar actuacións en vivendas da súa propiedade con axudas da Xunta; e facilita a intervención directa do IGVS en vivendas de promoción pública da súa propiedade.
No marco deste programa, desde o IGVS acometeranse actuacións directas de rehabilitación en materia de eficiencia enerxética en vivendas de promoción pública construídas por este organismo.
Por outra banda, a Xunta, no segundo semestre do ano, activará as axudas para que os concellos poidan rehabilitar as antigas vivendas de mestres co fin de recuperar o patrimonio construído en desuso, unha liña á que este ano achegaranse 400.000 euros.
Tamén está o programa Rehaluga, unha nova medida que prevé axudas para a rehabilitación de vivenda con destino a alugueiro social e que nace para complementar e incentivar o Programa de vivendas baleiras. Esta iniciativa pioneira de axudas a fondo perdido posibilitará restaurar as vivendas desocupadas para destinalas a alugueiro social.
Este programa permitirá, por unha banda, reducir o número de vivendas en mal estado ou desocupadas; e, por outra, dar resposta ás necesidades daquelas familias que se atopan en situación de dificultade. A convocatoria de axudas correspondente a este exercicio ascende a 200.000 euros e sairá publicada nos vindeiros días.
O Goberno galego tamén ten avanzado no programa de concesión de préstamos, sen intereses, ou bonificados, a particulares, para que realicen actuacións de renovación nas súas vivendas. Tanto se se trata de actuacións promovidas de forma individual, como a través da comunidade de propietarios.
Ademais, nas próximas semanas activarase a convocatoria do Fondo de cooperación cos concellos, un programa polo que a Xunta concederá aos municipios de menos de 50.000 habitantes préstamos a interese cero para que estes poidan recuperar edificacións dos seus cascos históricos ou realizar outras intervencións en materia de rehabilitación. O fondo estará dotado, inicialmente, con 10 millóns e as contías devoltas polos concellos volverán formar parte deste Fondo de Cooperación.

Ningún comentario:
Publicar un comentario