26 de abr. de 2017

VAL MIÑOR

O PP urxe ao Bipartito da Deputación de Pontevedra que conclúa o proxecto para mellorar a estrada provincial de Gondomar a Morgadáns  

Nidia Arévalo denuncia a parálise da Deputación, e lamenta que nin o Goberno provincial nin o local amosaron neste tempo ningún interese por rematar as beirarrúas e mellorar o asfaltado. 

“Tendo en conta o tráfico que hai nesta estrada e como está de deteriorado o firme, hai un perigo evidente para a seguridade”, sinala Paula Bouzós.  

A voceira do grupo, Nidia Arévalo, e o deputado provincial, Chema Figueroa, visitaron esta tarde a estrada, acompañados pola presidenta local do PP, Paula Bouzós, para comprobar o seu estado

Infogauda / Gondomar

 O grupo provincial do Partido Popular reclama ao Goberno bipartito da Deputación de Pontevedra que conclúa  o proxecto na estrada provincial EP 2302, Gondomar-Chaín-Morgadáns, que ten pendente desde mediados de 2015 rematar a beirarrúa nun dos tramos da vía e o pavimentado. 

 A voceira do grupo, Nidia Arévalo, e o deputado provincial, Chema Figueroa, visitaron esta tarde a estrada, acompañados pola presidenta local do PP, Paula Bouzós, para comprobar o seu estado. Recordaron que foron gobernos do Partido Popular, tanto na Deputación como no Concello, os que puxeron en marcha a mellora da seguridade vial nesta estrada. Un proxecto que contou cun investimento de 550.000 euros, para o que o Concello de Gondomar aportou o 20%.  

 Segundo explicou Paula Bouzós, desde o grupo municipal do PP reclamaron en numerosas ocasións que se retomase este proxecto, que concluísen a creación de beirarrúas no tramo que está pendente, pero sobre todo, que substitúan o aglomerado xa que “tendo en conta o tráfico que hai nesta estrada e como está de deteriorado o firme, hai un perigo evidente para a seguridade vial”. Nesta liña, subliñou que esta estrada soporta moita densidade de vehículos, xa que serve como vía de comunicación entre as parroquias de Chain e de Morgadáns, con 2.000 e 1.000 habitantes respectivamente.   

 Nidia Arévalo denunciou que “os veciños levan esperando unha resposta desde mediados de 2015. Naquel momento concluíuse a primeira fase do proxecto, e nin o Goberno provincial nin o local amosaron neste tempo ningún interese por rematalo”.   

 Para a voceira, “esta é unha obra paralizada máis, e xa van moitas en toda a provincia, que amosan unha imaxe clara e contundente do que é o Bipartito da Deputación de Pontevedra”. Ademais, recordou que “nestes dous anos de Bipartito a provincia sufriu unha parálise total. De toda a actividade que había, hoxe a Deputación ten só proxectos parados, proxectos sen rematar, e nin unha soa iniciativa, e o peor de todo, é que o fan sen ningún tipo de explicación nin información aos veciños afectados”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario