24 de abr. de 2017

LABORAL

O Comité de empresa do San Xerome Emiliani da Guarda denuncia o despedimento de dous traballadores   

O Comité fai un chamamento a apoiar a manifestación deste mércores día 26 de abril na Guarda  


 O Comité de Empresa do Centro San Xerome Emiliani, por unanimidade dos seus membros, delegados e delegadas da CIG-Ensino e da CUT, acordou facer público:  

 1.- A súa solidariedade e apoio aos traballadores despedidos o día 3 de abril. Este Comité considera indigna a presión psicolóxica á que foron sometidos durante días, ao trasladarlles a eles que debían decidir entre os dous quen era a persoa que marchaba despedida,  para logo despedir aos dous incumprindo o prazo de quince días que prescribe o Estatuto dos Traballadores. 

 Por este motivo, facemos un chamamento a participar na manifestación convocada pola CIG-Ensino na Guarda este 26 de abril, ás 12 da mañá na Alameda.  

 2.- Con este despedimento o Xerente do Centro San Xerome está a desmantelar o Centro Especial de Emprego: deixa a seis traballadora/es con necesidades de apoio sen o persoal que os dirixe e asesora, persoal polo que o centro percibe bonificacións da Xunta. Os traballadores despedidos son persoal subrogado do Concello da Guarda, para o que viñan realizando os traballos de xardinería.  

 3.- A Xerencia e a Dirección do centro alegan causas económicas, mais o Concello da Guarda está a pagar puntualmente todas as facturas do San Xerome e non ten ningunha débeda co centro.  

 4.- Rexeitamos a política de despedimentos seguida pola Xerencia e inexcusabelmente apoiada pola Dirección da Asociación. Estes dous despedimentos prodúcense ao cumprirse catro anos dos primeiros. Aquela fora xa unha situación moi grave. Tamén naquela ocasión a Xerencia alegou motivos económicos, mais estes non foron recoñecidos polo Xulgado que declarou improcedentes os catro despedimentos e mesmo recolle como feitos probados que a Xerencia colocou a Asociación San Xerome en “situación de iliquidez precisamente en previsión dos despedimentos” retirando o diñeiro da conta da Asociación e ingresándoo na do Centro Especial de Emprego. Proba de que as causas económicas non poden ser reais é a cantidade de diñeiro que a Xerencia e a Dirección invirten nos despedimentos.  

 5.- Desde 2013 son sete os despedimentos improcedentes realizados no San Xerome, ademais de todas as rescisións de contrato e un despedimento negociado coa empresa a finais do ano 2016, é dicir estamos falando de máis dunha ducia de persoas represaliadas coa perda do traballo.  

 6.- Este Comité rexeita a actitude do Xerente do San Xerome e reclama un cambio á Dirección do Centro, pois desde a súa chegada ao posto en 2008 o centro pasa de un conflito a outro sen descanso.  

 A Guarda, 24 de abril de 2017 

 Comité de Empresa do San Xerome Emiliani

Ningún comentario:

Publicar un comentario