10 de abr. de 2017

FORESTAL

Desde hoxe e ata novo aviso quedan prohibidas as queimas agrícolas e forestais polas condicións meteorolóxicas 

De acordo coa situación actual e as previsións meteorolóxicas para os vindeiros días, as comunicacións e autorizacións de queima carecen de validez


Infogauda / Santiago de Compostela

 As queimas de restos agrícolas e forestais quedan prohibidas en Galicia a partir de hoxe e ata novo aviso, tendo en conta as condicións actuais de vento e as previsións para os vindeiros días. Isto implica que quedan tamén en suspenso os permisos xa concedidos, xa que as comunicacións e autorizacións de queima carecen de validez desde o momento da prohibición.
 A decisión tomouse tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume. Tamén tendo en conta que a normativa –decreto 105/2006, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais– prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control, especialmente nos días de vento.
 Así mesmo, a Consellería do Medio Rural pide colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento, dado que desde hoxe non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario