164 PERSOAS ASPIRAN A TER PRAZA DE FUNCIONARIO INTERINO DENTRO DO PLAN REVITALIZA DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Os postos máis disputados son os de mestres e mestras composteiras
Os primeiros exames-oposición realizaranse a primeiros de maio para que o persoal estea incorporado en xuño
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra vén de facer hoxe pública a listaxe de persoas admitidas para participar no proceso de selección de persoal interino para o Plan Revitaliza: en total son 164 persoas as que aspiran a traballar como funcionarios no plan provincial de compostaxe, o que demostra o ‘tirón’ da convocatoria e o interese sobre este novo sistema de tratamento e xestión do lixo. Os postos máis disputados son os 12 de mestras e mestres composteiros, para os que se presentarán ás probas 86 persoas.
En total ofertáronse vinte prazas de persoal interino por programa: doce delas de mestras e mestres composteiros con cualificación C1. Estes funcionariosdarán soporte técnico e participarán activamente nos traballos físicos no proceso da compostaxe comunitaria, resolvendo as dúbidas e os problemas que poidan xurdir durante todas as fases do proceso, da supervisión dos composteiros individuais e tamén control e supervisión do funcionamento das plantas de tipo industrial que se poidan instalar no futuro.
Para cubrir as prazas de técnicas e técnicos de xestión de residuos municipais e tratamento de biorresiduos (seis de categoría A2) admitíronse 67 candidatos. Os futuros traballadoresconstituirán unha categoría especializada con múltiples funcións, desde traballos prácticos de campo ata a elaboración de plans de residuos completos para concellos ou mancomunidades, así como labores de coordinación, impulso e xestión de ámbitos complexos dentro do Plan Revitaliza.
Por último, para cubrir o persoal técnico de xestión económico-administrativa (dúas prazas A2) admitíronse 11 candidatos. Estes debían acreditar coñecementos en materia de residuos municipais para prestar apoio nas funcións de asesoramento e redacción, entre outras, de propostas de regulamentos, ordenanzas fiscais e estudos económico-financeiros relativos ao Plan Revitaliza e aos plans de residuos municipais.
Unha vez publicada a listaxe provisional de admitidos abrirase un prazo de cinco días para subsanar eivas na documentación presentada. Posteriormente publicarase a resolución definitiva de admitidos, nomearanse os membros do tribunal cualificador e procederase á selección das datas de exames que, con toda probabilidade, se iniciarán a primeiros do mes de maio coa finalidade de que os novos funcionarios estean incorporados no mes de xuño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario