5 de abr. de 2017

CULTURA

Presentación de Blues para Moraima, de Miguel Anxo Fernández, obra gañadora do XXXV Premio de novela "Blanco Amor"

Manuel Baltar dixo que Miguel Anxo Fernández, "coa súa traxectoria de creador de emocións, prestixia o premio literario dos concellos de Galicia, ao formar parte xa da relación de galardoados deste certame".

No acto participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o autor, Miguel Anxo Fernández, e o presidente de Editorial Galaxia, Antón Vidal Andión
Foto: D.O.

Infogauda / Ourense

 O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense acolleu esta mañá a presentación da obra gañadora do XXXV Premio de Novela Longa "Eduardo Blanco Amor", Blues para Moraima, do escritor, ensaísta e investigador cinematográfico Miguel Anxo Fernández (O Carballiño, 1955). No acto participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o autor, Miguel Anxo Fernández, e o presidente de Editorial Galaxia, Antón Vidal Andión.

 O certame, dotado con 12.000 euros e unha escultura do artista ourensán Acisclo Manzano, é un premio que "recuperou a Deputación fai dúas edicións para garantir a súa supervivencia, darlle o pulo que precisaba, e para convidar ao resto de concellos de Galicia, organizadores de anteriores edicións, a continuar realzando este certame e homenaxeando a ese xigante das nosas letras como é Eduardo Blanco Amor", dixo Manuel Baltar.

 En canto á obra premiada o presidente da Deputación sinalou que é unha oportunidade "para poñer en valor a novela galega, porque Miguel Anxo Fernández, coa súa traxectoria de creador de emocións, prestixia este galardón literario dos concellos de Galicia ao formar parte xa da relación de premiados deste certame".

 Antón Vidal Andión lembrou a relación que vencella a Galaxia con Ourense ao afirmar que "Galaxia existe, en parte, grazas aos ourensáns. O primeiro presidente de Galaxia foi Otero Pedrayo, e sen o pulo da Xeración Nós non sería o que hoxe é". Asemade agradeceu á Deputación de Ourense "por pensar en Galaxia para editar este libro, no cal o autor plasma todos os seus coñecementos de cine, facendo unha novela amable e cómoda de ler".

 Pola súa parte, Miguel Anxo Fernández reivindicou o papel de Ourense como "líder da historia da literatura galega", engadindo que con este premio, o xurado introduciume neste grupo, aínda que o fago por outra porta, ao proceder do mundo da comunicación audiovisual, por iso, o que a min me interesa é narrar historias". O autor explicou que na xénese da novela "mestúrase a memoria do thriller estadounidense dos anos 70 co thriller político italiano, o cine de denuncia", afirmando que lle levou dez anos escribir esta obra.

 O gañador deste XXXV premio "Blanco Amor" agradeceu á Deputación de Ourense "que recuperase o premio de maior prestixio de Galicia; que quede na provincia de Ourense e que sexa un dos buques de insignia da Fundación Eduardo Blanco Amor".

Biografía de Miguel Anxo Fernández
Miguel Anxo Fernández é mestre, licenciado en Xeografía e Historia. É profesor de Comunicación Audiovisual na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra. Ademais de dedicarse á docencia é autor de numerosas obras de historia do cine galego e de obras de ficción, así como ensaios e colaboracións en numerosas publicacións. É membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega; coordinador do programa Audiovisual nas Aulas para o Consorcio Audiovisual de Galicia, e membro do xurado do Premio Ourensanía.

 Entre os premios que ten acadado figuran o 1º Premio ex-aequo no Certame Historia da Galicia Cinematográfica (1993), promovido pola Federación de Cineclubes de Galicia; o premio "Sempre en Galiza" de ensaio, polo libro As imaxes de Carlos Velo (2001); o premio honorífico "Fernando Rey" na V Edición dos Premios AGAPI (2001); o premio "Chano Piñeiro" de Historia da Galicia Cinematográfica polo libro A Bella Otero, pioneira do cine (2002); o premio "Manuel García Barros" (2003) pola novela Un nicho para Marilyn; a IInsignia de Ouro das Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia, Xociviga (2009), e o Premio "Cultura Galega de Creación Audiovisual" da Xunta de Galicia no 2012, entre outros galardóns.


Ningún comentario:

Publicar un comentario