4 de abr. de 2017

A GUARDA

Alumnos da Escola Infantil Municipal da Guarda plantaron árbores na Fortaleza de Santa Cruz   

Con iniciativas como esta, os rapaces e as rapazas achéganse, a través do entretemento e a diversión, á natureza e aprenden valores como a importancia do coidado do medio ambiente

O alcalde do Concello de A Guarda, Antonio Lomba Baz, tamén axudou os picariños na plantación das árbores
Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 Aproveitando o bo tempo que nos está a acompañar esta semana, as nenas e nenos da clase de 2 a 3 anos, da Gardería da Guarda acudiron este martes 4 de abril a Fortaleza de Santa Cruz a plantar diversas árbores nas zonas verdes do recinto amurallado.  


 Esta iniciativa encádrase dentro das actividades que a Escola Infantil Municipal da Guarda realiza como parte do programa de educación medioambiental 'Voz Natura'. Nesta xornada, organizada en colaboración co Concello da Guarda, os alumnos desfrutaron plantando árbores como castiñeiros e camelios na contorna da Fortaleza, unha actividade para a que ían adecuadamente preparados e con moitas ganas de traballar.
  

 O alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, e o Concelleiro de Medio Ambiente, Paulino Rodríguez González non quixeron faltar a unha xornada na que os cativos desfrutaron da natureza e dunha actividade que promove un tipo de lecer saudable e ao aire libre nun espazo destacado da súa vila.   


 Con iniciativas como esta, os rapaces e as rapazas achéganse, a través do entretemento e a diversión, á natureza e aprenden valores como a importancia do coidado do medio ambiente. Ao rematar a plantación os exhaustos pero satisfeitos nenos e nenas recibiron un máis que merecido diploma de mans do alcalde, en agradecemento polo esforzo e ilusión amosados. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario