4 de abr. de 2017

A GUARDA

LABORAL

A CIG-ENSINO denuncia o despedimento de dous traballadores no Centro San Xerome   
A Xerencia do Centro segue a pór en risco a continuidade do Centro Especial de Emprego   


 A CIG-Ensino denuncia que onte, 3 de abril, despois de varios días de presión psicolóxica sobre os traballadores, buscando que marchasen pola súa conta, o Xerente do Centro San Xerome entregoulle a carta de despedimento a dous traballadores do Centro Especial de Emprego: un encargado de taller e un traballador que fai funcións de oficial especialista e é delegado sindical da CIG-ENSINO. 

 Con este despedimento o Xerente do Centro San Xerome deixa a seis traballadora/es con necesidades de apoio sen o persoal que os dirixe e asesora, traballadores polos que o San Xerome percibe unha bonificación da Xunta de Galicia. Ademais, os dous traballadores despedidos estaban subrogados do Concello da Guarda, pois viñan realizando os traballos de xardiñeiría no Concello, a través das empresas que realizaban o servizo, a última o Centro San Xerome. A Xerencia e a Dirección do centro alegan causas económicas, mais a realidade é que o Concello da Guarda está a pagar puntualmente todas as facturas do San Xerome. 

 Para a CIG-ENSINO o que hai é o interese do Xerente por desmantelar o Centro especial de Emprego, pois desde 2015 insiste en dicirlle aos traballadores que ten que pechalo. Por outro lado, os labores de desbroce dos camiños de Camposancos, que até o ano pasado realizaban os xardiñeiros, mandan que os fagan agora usuarios da Asociación, persoas que non están contratadas, ingresando o diñeiro na Asociación que ten un superavit significativo e non precisa dos ingresos da Entidade Local Menor de Camposancos. 

 A CIG-ENSINO levará adiante as accións oportunas e loitará para que os traballadores despedidos sigan sendo xardiñeiros do Concello e agardamos que o Goberno Municipal da Guarda se implique na defensa destes traballadores que sempre cumpriron co seu cometido, empresa tras empresa. 

A Guarda, 4 de abril de 2017 
CIG do Baixo Miño    

Ningún comentario:

Publicar un comentario