5 de abr. de 2017

A GUARDA

Aprobada a moción do BNG para unha saída sur ao porto da Guarda  

Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda: “A saída sur e aparcamentos disuasorios, pezas imprescindíbeis para o desenvolvemento do Plan de Mobilidade Sostíbel”  

Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda
Foto: BNG

Infogauda / A Guarda

 A moción presentada polo BNG sobre a realización dunha saída sur para o porto da Guarda foi aprobada por unanimidade no pleno ordinario de marzo.  

 O BNG consegue que a aprobación da realización do proxecto de saída sur quede desvinculado do PXOU.  

 O PSOE e o PP xogaron coa Saída Sur todos estes anos de goberno municipal, sabían que había unha posibilidade fóra do PXOU pero non traballaron nela. Hoxe con esta moción, comezamos este camiño”, comentou Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG.  

 Para o BNG - engade Ángel Luis Baz - a rúa Concepción Arenal hai tempo que perdeu a condición de vía de comunicación para as actividades portuarias para pasar a ser unha rúa totalmente urbana que soporta un nivel de tráfico insoportábel para un casco urbano.  

 Dende o BNG queda claro que chegou o momento en que administracións como a Xunta de Galiza asuman a responsabilidade que lle toca mellorando os acesos ao porto da Guarda e para iso necesítase un novo trazado pola zona sur.  

 A Saída Sur inicio do Plan de mobilidade  
 Segundo o voceiro nacionalista “a Saída Sur xunto coa creación de bolsas de aparcamento disuasorio son os dous primeiros pasos antes de tomar calqueira actuación urbanística. Non se pode entender un novo modelo sen estes dous pasos previos, un modelo na Guarda no que as persoas, tanto as residentes como as que visitan á Guarda, sexan as protagonistas, relegando o coche a un segundo plano.  

 A Saída Sur é un elemento crucial para transformar as rúas da Guarda en Espazos de Convivencia Compartida combinando o uso racional do vehículo para dar protagonismo ás persoas, especialmente aos nenos e nenas e ás que sofren mobilidade reducida”.  

 O BNG vai estar vixiante coa actitude do PP, tanto no concello como na Xunta, para ver o grao de compromiso que ten o Goberno galego co pobo da Guarda e co sector pesqueiro guardés”, afirma Ángel Luis Baz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario