O Concello da Guarda e a Comunidade Terapéutica Alborada colaboran no coidado ambiental da zona da Senda Litoral da Guarda
Os oito usuarios do centro e a educadora que lles acompaña durante as saídas, recolleron cantidade de material que o mar devolveu as praias
Fotos: C. A.G.
Infogauda / A Guarda
A Comunidade Terapéutica Alborada de Tomiño, en colaboración co Concello de A Guarda, está a levar a cabo unha actividade de promoción do coidado do medio ambiente nas praias e Senda Litoral da Guarda.
Esta iniciativa consiste na realización de saídas, durante tres fins de semana, a puntos da devandita senda e ás praias da Guarda, para realizar unha limpeza destes espazos co obxectivo de recoller todos aqueles materiais contaminantes que atopen. O Concello da Guarda, ante esta proposta, ofreceu a súa absoluta colaboración facilitando os materiais necesarios e o lugar para depositalos de maneira axeitada.
Unha mostra do que o río e o mar devolven as praias
As dúas primeiras saídas xa se realizaron o día 26 de marzo e pasado domingo día 2 de abril. Nestas, os oito usuarios do centro e a educadora que lles acompaña durante as saídas atoparon, entre outras cousas, moito poliespán e diferentes plásticos, así como material de pesca; todos eles materiais que agora xa non ensucian estes espazos e que poderán ser reciclados. A vindeira e última saída será o vindeiro domingo día 8 de abril.
Membros da Comunidade Terapéutica Alborada de Tomiño, recollendo diversos materiais na praia do Forte (Camposancos)
Dende as dúas entidades colaboradoras mostran a súa satisfacción por poder levar adiante unha iniciativa que permite promover o coidado do medio ambiente, en especial en zonas de tanto valor natural como o litoral guardés. Iniciativas como esta son clave para concienciar sobre a importancia non só da limpeza e reciclaxe, senón da necesidade de conservar o patrimonio natural de todos tratando de ensuciar os espazos públicos o menos posible.
Ningún comentario:
Publicar un comentario