A CIG-Ensino
exixe que no se lle outorgue o título de “Vigués distinguido” a centros que
segregan alumnado por razón de xénero
A CIG-Ensino, ante a decisión do Concello de Vigo de
outorgarlle o título de “Vigués distinguido” aos centros de ensino privados
concertados Montecastelo e As Acacias, que segregan alumnado por razón de
xénero, quere manifestar o máis rotundo rexeitamento ao outorgamento deste
premio por:
Tratarse de centros que, con diñeiro público,
segregan o alumnado por razón de xénero, impiden a convivencia, a escolarización
de persoas de distinto sexo, do alumnado LGTBI e desterran a coeducación.
Son centros elitistas que seleccionan as familias por
ideoloxía e patrimonio, desbotando o alumnado con necesidades específicas de
apoio educativo.
Son centros concertados, pagados totalmente con
diñeiro público, cuxos concertos foron obxecto de recurso pola CIG-Ensino e declarados
ilegais polo Tribunal Supremo por segregar o alumnado por razón de xénero, o
que non foi impedimento para que o PP os legalizase mediante a LOMCE.
Con este recoñecemento, o Concello de Vigo non só
reforza un modelo educativo confesional e reaccionario que contribúe á
desigualdade e a perpetuar a sociedade patriarcal, senón que tamén está avalando
a LOMCE, lei que está sendo combatida en Vigo e en toda Galiza con folgas e
manifestacións secundadas maioritariamente pola comunidade escolar.
Con esta distinción estanse afianzando modelos
educativos relixiosos e excluíntes que desprezan a diversidade e impiden un
ensino laico, coeducativo, científico e inclusivo. Unha institución pública
como é o Concello de Vigo está favorecendo prácticas educativas e sociais desprezábeis
e optando por apoiar centros ultracatólicos e de extrema dereita, pertencentes
ao Opus Dei, tal como constatan as súas páxinas web.
É totalmente inaceptábel que, mentres se distingue este
tipo de centros que non representan a maioría social da poboación viguesa, non
se distinga o labor de ningún centro público da cidade.
Por todo o exposto, a CI-Ensino exíxelle á corporación viguesa, con maioría
absoluta do PSOE, que non se lle outorgue o título de “Vigués distinguido” aos
devanditos centros Montecastelo e As Acacias pertencentes ao Opus Dei e que
segregan o alumnado por razón de xénero.
Compostela, 24 de marzo de 2017
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario