24 de mar. de 2017

LABORAL

A mediación fixa tres xuntanzas para abordar o incremento salarial, a flexibilidade e as novas categorías laborais en Pescanova 

A CIG, CUT, UGT e USO, que vetaron a presenza de CCOO, comprométense a desconvocar a folga indefinida durante as negociacións 


Infogauda / Vigo

 A Inspección de Traballo, que na tarde deste venres día 24 de marzo iniciou a mediación no conflito laboral de Pescanova a instancias da Xunta, fixou tres xuntanzas entre a CIG, CUT, UGT e USO e a dirección -CCOO participa nunha mesa de negociación distinta tras o veto dos outros sindicatos polo seu comportamento desleal- para abordar o que até o de agora impediu un acordo sobre os convenios: incremento salarial, a flexibilidade e as novas categorías laborais de entrada na empresa. 

 As catro centrais maioritarias en Pescanova comprometéronse a desconvocar a folga indefinida prevista para o 4 de abril despois de que a mediación laboral, que convocou as partes a primeira hora desta mañá tras a intervención da Consellaría de Traballo, fixase tres xuntanzas para os vindeiros días 29, 30 e 31. Nelas abordaranse as tres cuestións que até o de agora impediron un acordo sobre os convenios: incremento salarial, a flexibilidade e as novas categorías laborais de entrada na empresa. 

 A medida foi adoptada na reunión celebrada esta tarde no hotel Ciudad de Vigo, unha vez conformadas as mesas de negociación pola mañá. A CIG, CUT, UGT e USO vetaron a presenza de CCOO na mesa despois de que este sindicato rompese a unidade sindical “coa súa actitude desleal co resto de organizacións”. Tras máis de tres horas de negociacións, a autoridade laboral accedeu a conformar dúas mesas: nunha estará representada a maioría sindical e noutra CCOO. 

 Esta mesma composición repetirase nas próximas xuntanzas, nas que tamén participará a autoridade laboral. As centrais maioritarias xa adiantaron que proporán a convocatoria dunha nova folga indefinida no caso de que as negociacións rematen sen acordo. A medida será debatida este sábado na asemblea de traballadores/as que terá lugar no multiusos de Chapela ás 10.00 horas.  

 Ao remate da asemblea de mañá, no Multiusos de Chapela, as centrais sindicais comparecerán en rolda de prensa, ás 11:30 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario