28 de mar. de 2017

TOMIÑO

Protección Civil de Tomiño conta cunha nova embarcación tipo Zodiac, para emerxencias no río 


Infogauda / Tomiño

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, recibiu onte, de parte da Xunta de Galicia, unha nova embarcación, tipo Zodiac, para ser utilizada por Protección Civil.  

 O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, fixo entrega onte de catorce embarcacións para augas interiores que serán utilizadas polos servizos de emerxencias e Protección Civil das catro provincias galegas.  

 Nun acto celebrado na praia do Lago de As Pontes, o vicepresidente da Xunta destacou o labor desenvolvido a diario polos servizos de emerxencias e de Protección Civil e recalcou a importancia de investir fondos na prevención para poder ser despois máis eficaces. O obxectivo, asegurou, é que os integrantes das agrupacións estean mellor preparados e mellor dotados que nunca.  

 Durante o acto, ao que tamén asistiu o director xeral de Emerxencias e Interior, Luís Menor, e boa parte dos alcaldes dos concellos beneficiados, foi posible asistir en directo a unha demostración práctica dos novos medios postos a disposición dos efectivos.  

 Os beneficiarios das embarcacións son A Estrada, A Gudiña, As Pontes, Avión, Brión, Chantada, Curtis, O Barco, Padrón, Ribadavia, Ribas de Sil, Tomiño, Vilalba e o Grupo de Apoio Loxístico ás Emerxencias (Gali). O custe total foi de preto de 165.000 euros.  

 A alcaldesa de Tomiño, salientou a importancia do traballo realizado a diario polos membros de Protección Civil, que agora contarán cunha embarcación que lles permita desenvolver a súa labor con maior comodidade e eficacia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario