Valentín García acompaña a Abel Veiga na presentación do poemario ‘Bágoas na brétema’
A nova obra do autor inclúe 80 sonetos e poemas en verso libre que abordan a fugacidade do tempo e a súa relación co ser humano, aos que acompañan 28 ilustracións de Ghaleb Jaber Ibrahim
Infogauda / Santiago de Compostela
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañou hoxe ao serán o profesor e escritor monfortino Abel Veiga na presentación do no seu novo poemario ‘Bágoas na brétema’, nun acto no que García Gómez quixo destacar “a sutil observación da realidade, emotiva na lembranza de episodios difíciles, sensible ante circunstancias delicadas, reflexiva no propio labor do poeta e sempre aberta ás ledicias e complexidades do amor, en moi diversos sentidos, que amosan os seus versos escritos en lingua galega”.
Tamén participaron na presentación, que acolleu o Salón Olivo do compostelán Hotel Araguaney, ademais do propio autor, o presidente da Fundación Araguaney e ilustrador da obra, Ghaleb Jaber Ibrahim; e mais o editor, José Luis Teófilo.
‘Bágoas na brétema’ sae do prelo coa colaboración da Consellería de Cultura, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e da Fundación Araguaney, nunha edición que inclúe 80 poemas, dos cales 60 son sonetos e 20 en verso libre, que abordan a fugacidade do tempo e a súa relación co ser humano, acompañados de 28 ilustracións e unha fermosa foto de cuberta das Fragas do Eume.
A obra artéllana dous grandes bloques: o primeiro, titulado “Sonetos do onte e do hoxe”, é, como o seu propio nome indica, un sonetario que se ve complementado coa segunda das sección da obra, “Poemas soltos”, integrada por composicións xa en verso libre nas que, porén, a musicalidade é tamén traballada no xogo de paralelismos e rimas internas.
Escrito a cabalo entre Galicia, Madrid, Estremadura, o Levante e mesmo A Habana e Bogotá, os poemas deste libro constitúen un auténtico diario en verso, que reflicte o sentir e pensar de quen os foi facendo agromar entre o verán do 2015 e o do 2016.
Ningún comentario:
Publicar un comentario