25 de mar. de 2017

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA PON A DISPOSICIÓN DOS CONCELLOS COSTEIROS AS MÁQUINAS LIMPAPRAIAS PROVINCIAIS DE CARA Á SEMANA SANTA E AO VERÁN

O deputado provincial de Mobilidade Uxío Benítez explica que a maquinaria poderá cederse de forma conxunta a agrupacións de concellos

Uxío Benítez Fernández, deputado de Mobilidade

Infogauda / Pontevedra

 O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez Fernández, anunciou hoxe que a Deputación de Pontevedra xa puxo a disposición dos concellos costeiros da provincia as catro máquinas limpapraias do parque provincial. O responsable nacionalista indicou que, dada a proximidade da tempada alta tanto de Semana Santa como do verán, xa está aberto o prazo de solicitude e estanse a coordinar as cesións. 

 Segundo indicou Benítez “o obxectivo do departamento de Mobilidade é realizar o reparto da maquinaria de xeito ordenado e racional e non en función doutros criterios partidistas en función de ‘amiguismos’”. Os concellos que poderán solicitar as máquinas serán Catoira, Vilagarcía, Vilanova, Illa de Arousa, Cambados, O Grove, Sanxenxo, Poio, Marín, Bueu, Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda. Quedan fóra do reparto os concellos de Vigo e Pontevedra por considerar que teñen medios propios suficientes para tender as necesidades de mantemento das súas praias. 

 A Deputación concederá as cesións por un prazo de 15 días prorrogables outros 15 baixo petición e dispoñibilidade. As solicitudes poderán ser presentadas polos concellos de xeito individual, así como tamén por parte de agrupacións de municipios (xa sexan mancomunidades ou simplemente de concellos que teñan asinado un acordo de colaboración a este efecto). 

 Neste último caso, e en función do número de peticións e dispoñibilidade, facilitarase a correspondente máquina limpapraias ás agrupacións durante todo o verán para que estas sexan as que regulen o seu funcionamento de forma autónoma. A máquina, así, pasaría a ter a súa base de saída no lugar acordado polos concellos –instalacións municipais-, de xeito que se eliminaría o desprazamento dende o parque provincial de Pontevedra en cada traballo, facendo máis operativo o uso. O pasado verán varios concellos optaron xa por esta fórmula: os da mancomunidade do Morrazo, e Sanxenxo e O Grove. 

 En todos os casos, a Deputación comprométese a poñer a disposición a maquinaria en bo estado de conservación, así como a trasladala ao punto fixado polo concello peticionario. Un representante municipal debe asinar a acta de cesión no momento da entrega asumindo as condicións establecidas para o préstamo. 

 Pola súa banda, o concello debe aportar o persoal necesario para manexar a máquina, a cabeza tractora e o combustible, e será responsable da ocupación de terreos particulares, da reposición de bens afectados, daobtención de permisos para actuar nos areais, e de recoller os materiais non aproveitables producidos. É fundamental, segundo obriga a Deputación, respectar o contorno ambiental.

Ningún comentario:

Publicar un comentario