O BNG inicia unha campaña en Oia de recollida de sinaturas
Defendendo que a praza do franquista José Solís Ruíz pase a chamarse "Matrona Xulia Suárez"
BNG / Oia
O próximo 18 de xullo de 2017 cúmprense 81 anos do golpe de Estado militar contra o réxime democrático vixente no Estado español. Un levantamento militar que en Galiza foi orixe dunha cruenta e brutal represión ao longo dos anos da guerra e durante todo o período da Ditadura franquista.
As institucións públicas deben ter un posicionamento claro de condena do golpe de Estado do 36, da ditadura franquista e da brutal represión que sufriron miles de galegos e galegas ao longo dese terribel período histórico.
No caso dos concellos, existe ademáis unha obriga ética e política clara a este respecto porque, por unha parte, dirixentes políticos destas institucións e persoal ao seu servizo foron obxecto de represión e persecución en forma de asasinato, cárcere, depuración e outras múltiples formas de violencia. E, por outra, as institucións locais foron parte do aparato administrativo e político que impuxo a Ditadura, o terror e a toda a súa parafernalia simbólica en Galiza.
Por iso desde O Bloque Nacionalista Galego non podemos comprender como en pleno 2017 o Concello de Oia pode manter unha praza coa denominación franquista "José Solís Ruíz", xusto ao carón desta institución pública incumprindo así a Lei de Memoria Histórica.
Así pois, o BNG comeza unha campaña de recollida de sinaturas veciñais para que esta praza pase a ser "praza da Matrona Xulia Suárez" en virtude dos moitos anos que exerceu a súa profesión no centro de saúde de Oia, recoñecendo así, o seu labor que sempre exerceu con profesionalidade, asistindo e acompañando ás nais no proceso de xestación e de crianza das súas fillas e fillos, laboura que desenvolveu máis alá da súa profesionalidade.
Consideramos que é de xustiza e facemos un chamamento á veciñanza de Oia para que apoien esta iniciativa que vai ser trasladada ao Concello de Oia a través dunha moción co respaldo de sinaturas veciñais.
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario