Alcaldes e alcaldesas dos 13 concellos que forman o Grupo de Desenvolvemento Rural GDR14, deron a coñecer as liñas de subvención do Programa Leader 2014-2020
O grupo xestionará mais de 3 millóns de euros ata o ano 2020; importe que se podería ampliar con vistas ao 2023
Os alcaldes e alcaldesas dos trece concellos que forman parte do territorio, xunto con representantes da Deputación de Pontevedra
Foto: C.T.
Infogauda / Nigrán
Os alcaldes e alcaldesas dos trece concellos que forman parte do territorio, xunto con representantes da Deputación de Pontevedra, deron a coñecer de primeira man as peculiaridades do novo Programa LEADER 2014-2020.
A presidenta do GDR14, Sandra González, tamén alcaldesa de Tomiño, presentou as novas posibilidades do LEADER no territorio. A Sala de Plenos do Concello de Nigrán acolleu esta mañá unha reunión dos máximos representantes das entidades locais do territorio, xunto con membros da Deputación de Pontevedra, para dar a coñecer a convocatoria de axudas do novo período do LEADER 2014-2020.
O alcalde de Nigrán, Juan A. González Pérez, como anfitrión, foi o encargado de iniciar o acto de difusión do novo Programa LEADER.
Pola súa banda, a presidenta do Grupo de Desenvolvemento Rural GDR14, resaltou as características desta nova etapa onde o grupo xestionará mais de 3 millóns de euros ata o ano 2020; importe que se podería ampliar con vistas ao 2023. Nesta presentación, o equipo técnico do grupo, salientou as peculiaridades e as diferentes liñas de actuación, facendo fincapé tanto nas actuacións de proxectos produtivos, coma non produtivos.
Durante o acto presentouse, ademais, a nova imaxe corporativa da asociación, tendo como relevancia o cambio da denominación social da entidade, que foi aprobado a semana pasada pola Asemblea Xeral de Socios, pasando a denominarse a entidade, ASOCIACIÓN DE DESENVOLVEMENTO RURAL GALICIA SUROESTE EURURAL.
Deste xeito, a difusión do novo Programa LEADER xa está en marcha por todo o territorio do GDR14, integrado polos concellos de Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño, e Tui.
Ningún comentario:
Publicar un comentario