18 de mar. de 2017

MEDIO AMBIENTE

A Xunta de Galicia e a Cemma renovan o seu compromiso para a asistencia e recuperación de réptiles e mamíferos mariños varados na costa 

Medio Ambiente destinará 40.000 euros para o desenvolvemento de accións conxuntas que garantan o coidado e conservación destes animais incluídos, moitos deles, no listado de especies en réxime especial protección

As actuacións propostas neste convenio céntranse na detección de animais varados na costa galega, a prestación dos primeiros auxilios e a identificación, cando proceda, das causas do falecemento  

Por outra banda, a cría de lobo mariño rescatada fronte a San Andrés de Teixido en decembro de 2016 volveu hoxe ao mar logo dun período de recuperación no centro da Cemma e no Instituto Galego de Formación en Acuicultura

Este lobo mariño cincento foi rescatado, en decembro de 2016, fronte a San Andrés de Teixido por un pesqueiro que acabou por darlle o seu nome, Luceiro

Infogauda / Galicia

 A Xunta de Galicia renova o compromiso acadado coa Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (Cemma) para a asistencia e recuperación deste grupo de animais que con frecuencia varan no litoral de Galicia. Deste xeito, a Consellería do Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destinará, en 2017, 40.000 euros para avanzar coas accións que, de forma conxunta, se viñan desenvolvendo para garantir o coidado e conservación dos réptiles e mamíferos mariños. Así se puxo de manifesto no convenio de colaboración que Xunta e Coordinadora renovaron recentemente.
 En liñas xerais, o convenio propón actuacións centradas na comunicación e detección de episodios de varamentos de tartarugas e mamíferos mariños na costa galega, a prestación de coidados e primeiros auxilios aos exemplares vivos, así como o seu tratamento veterinario, hospitalización e alimentación; e a identificación das causas da morte nos casos que proceda. Cómpre salientar que moitos destes animais están incluídos no listado de especies en réxime de protección especial recollido no Catálogo de especies ameazadas.
 A sinatura deste convenio, que se vén renovando ano a ano, responde a un obxectivo común de defensa e promoción da conservación dos hábitats e especies en Galicia, así como o estudo sobre o seu comportamento, as causas da perda de exemplares e medidas que revertan esta situación.
 A Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños, Cemma, é unha organización sen ánimo de lucro que vén colaborando activamente na asistencia e recuperación dos animais varados na costa galega dende o ano 1999. Esta asociación, que dispón dun centro de tratamento veterinario en Nigrán e dúas unidades móbiles, foi creada co fin de fomentar accións que contribúan á conservación das tartarugas e mamíferos mariños.

 Luceiro será devolta ao mar

 Precisamente, unha cría de lobo mariño á que se lle prestou asistencia en base a este convenio de colaboración entre Xunta e Cemma, iniciou hoxe o seu regreso ao mar tras un período de recuperación, primeiro, no centro da Coordinadora, en Nigrán, e, posteriormente, no Instituto Galego de Estudos de Acuicultura, da Illa de Arousa. Este lobo mariño cincento foi rescatado, en decembro de 2016, fronte a San Andrés de Teixido por un pesqueiro que acabou por darlle o seu nome, Luceiro. Agora, xa totalmente recuperado, volverá ao seu hábitat natural no mar de Irlanda. Alí será depositado pola tripulación do barco Ferreira Martínez, con base no porto de Marín, que esta mañá saíu co rumbo posto nas augas do norte europeo.
 Durante este tempo de recuperación, Luceiro foi tratado dunhas feridas na cabeza e nas aletas que presentaba cando foi recollido. Ademais, ensinóuselle a comer e a pescar por si só, a coller destreza para entrar e saír da auga, gañar peso (ata os 33,5 quilos actuais) e musculatura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario