A mediación en Pescanova iniciouse na tarde de hoxe tras boa parte da mañá negociando a composición da mesa
Infogauda / Vigo
A mediación da Inspección de Traballo no conflito laboral en Pescanova -que podería supoñer a convocatoria de folga indefinida a partir do vindeiro día 4- deu comezo hoxe ás 16:00 horas tras boa parte da mañá negociando a composición da mesa. As centrais maioritarias na empresa (CIG, CUT, UGT e USO) vetaron a presenza de CCOO nas negociación despois de que este sindicato rompese a unidade sindical “coa súa actitude desleal co resto de organizacións”. Tras máis de tres horas de negociacións, a autoridade laboral accedeu a conformar dúas mesas: nunha estará representada a maioría sindical e noutra CCOO.
Mañá terá lugar unha asemblea de traballadores/as en Chapela ás 10:00 horas para analizar o resultado da mediación laboral -que ten lugar a instancias da Consellaría de Traballo- que se desenvolverá durante a tarde de hoxe no hotel Ciudad de Vigo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario