13 de mar. de 2017

LABORAL

Empregados de Pescanova impiden a entrada do persoal de ETT na empresa 

Este martes está tendo lugar a primeira das dúas xornadas de folga convocadas polo bloqueo do convenio

Os traballadores de Nueva Pescanova impediron o pasado sábado a entrada do persoal de ETT nas instalacións da empresa
Foto: CIG

Infogauda / Redondela

 Os traballadores de Nueva Pescanova impediron o pasado sábado a entrada do persoal de ETT nas instalacións da empresa para evitar que se fagan horas extras. Os empregados da compañía de alimentación decidiran en asemblea deixar de facer horas extras como medida de presión ante o bloqueo das negociación do convenio colectivo, polo que a dirección optou por botar man de máis persoal de ETT para que a actividade da empresa non se vise afectada. Ao mesmo tempo, este martes está tendo lugar a primeira das dúas xornadas de folga convocadas.  

 Diante disto, as centrais maioritarias en Nueva Pescanova (CIG, CUT, UGT e USO) promoveron a convocatoria dunha concentración diante das instalacións de Chapela este sábado dende primeira hora da mañá para impedir a entrada do persoal de ETT. Deste xeito, un nutrido grupo de traballadores/as permaneceu ás portas da empresa entre as 5:30 e as 8:00 horas, logrando que ninguén entrase a traballar.  

 As medidas de presión contra a empresa continúan este martes coa celebración da primeira das dúas xornadas de folga convocadas para reclamar uns convenios colectivos dignos. A seguinte folga terá lugar o vindeiro martes 21. Coincidindo cos paros as centrais desenvolverán tamén concentracións diante dos distintos centros de traballo do grupo, sendo a principal a que se levou a cabo nas instalacións de Chapela a partir das 5:30 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario