A COMUNIDADE DE MONTES VECIÑAIS EN MÁN COMÚN DE CAMPOSANCOS CELEBROU ASEMBLEA XERAL ORDINARIA
Vista de Camposancos desde o monte Santa Trega
Foto: Infogauda
José Fernando Martínez Martínez / Camposancos
O pasado sábado día 11 de marzo 2017, na casa da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos, celebrouse Asemblea Xeral, coa asistencia de 98 comuneiros, superando con creces o quorum necesario.
O presidente da Xunta Rectora, José Fernando Martínez Martínez deu lectura á acta anterior e pide aos asistentes, súa aprobación. A Asemblea de comuneiros, deulle por aprobada, con un voto en contra de María Jesús Martínez Martínez, por facer mención á súa persoa en canto que responsable do PP en Camposancos e non en tanto que comuneira. José Fernando Martínez admite a ben fundada crítica e afirma que se trata de un erro involuntario.
Deseguido José Fernando Martínez deu a coñecer o estado das contas da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos. Cuantifica as perdas incorridas no exercicio de 2016 e xustifícaas por imperativo legal. Tíñanse acumulado retrasos nos investimentos obrigatorios durante tres anos. Para o exercicio actual aínda queda unha marxe duns 8.000,00 euros por enxugar.
En relación cós novos orzamentos da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos, calcúlanse os mesmos ingresos do exercicio anterior: 80.000,00€. Destiñarase o 60% dos ingresos á inversión directa no monte; o 15% para actividades culturais; e o 25% para mantemento da casa e imprevistos.
A Asemblea aproba os novos orzamentos con un único voto en contra, emitido por María Jesús Martínez Martínez, e unha abstención de Mónica Fuentes Maya.
O presidente da lectura os nomes dos vinte candidatos que solicitaron súa admisión como membros da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos. Solicita a aprobación individualmente. Tódolos candidatos son aceptados sen reservas.
O presidente tamén deu a coñecer as conversas con Manuel Carballal, representante de CAPELU. Esta empresa non paga o aluguer dunha antena instalada no cumio do Facho dende 2003. Pretende, con todo, negociar o contrato en base a un pago anual de 500,00 euros. Non se pronuncia no tocante ao pago dos atrasos acumulados. José Fernando Martínez solicita da Asemblea o permiso para negociar un novo contrato con esta empresa que sexa beneficioso para a Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos, ou en caso necesario, recorrer á vía xudicial. A Asemblea aproba esta demanda sen ningún voto en contra.
O presidente informa do contencioso coa Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de A Guarda e da xuntanza mantida o pasado día 9 do corrente con membros da Xunta Rectora desa Comunidade. Malia que á Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de A Guarda non lle falten razóns para reclamar a antena, o museo e os quioscos, xa sí que o pon en dubida, a situación actual deriva dun acordo alcanzado no ano 1993 co beneplácito da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de A Guarda, Antonio Cividanes Gómez, á sazón presidente daquela, da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de A Guarda. A Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos, aparte de Rodrigo Carrera, consultou con outro letrado para non incorrer riscos. José Fernando Martínez pide a autorización da Asemblea para poder negociar unha solución ou, no seu caso, recorrer á vía xudicial. A Asemblea de comuneiros deu súa autorización, coa única abstención de María Jesús Martínez Martínez.
Tamén se informou os comuneiros que o Padroado Municipal Monte Santa Trega aceptou saldala débeda de 18.700,00 euros, en forma de traballos na Casa Forestal. Segundo explicou José Fernando Martínez vai ser moi problemático realizala proposta da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos e da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de A Guarda, de aumentalo canon de peaxe para o monte de 1,00 euro a 2,00 euros. Con este fin estáse a elaborar un estudo. Hai que xustificar un déficit para poder proceder ao aumento. Actualmente o Padroado presenta un saldo positivo. Unha maneira de evitar este obstáculo sería a de facer por parte das Comunidades a cesión do anel superior do monte ao Padroado a cambio de un canon, ou disolver o Padroado. Segundo José Fernando Martínez, isto presenta vantaxes pero tamén riscos, por entender que os socios non son moi claros. Para un correcto mantemento do monte serían necesarios uns ingresos de 40.000,00 euros anuais. Os 18.700,00 euros son netamente insuficientes. Dada a dificultade a proceder a un aumento da peaxe, José Fernando Martínez entende que haberá que seguir negociando. María Jesús Martínez expresa a súa total reticencia e desconfianza a un acordo có Padroado. Haberá que proceder con moita cautela, de xeito que a Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos darase un ano máis de tempo antes de tomar unha decisión. José Fernando Martínez reitera que non se fía plenamente da Xunta Rectora da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de A Guarda.
Xestión 2016:
O Hotel Pazo pagou os 3.400,00 euros que debía por un erro administrativo cometido pola xestora administrativa.
A empregada de limpeza, foi dada de alta na Seguridade Social. Agora cumpre tódolos requisitos legais.
Foron empregados 6 peóns e un enxeñeiro técnico para traballos no monte que fixo un plan de uso. A partir de 2018 este plan é obligatorio.
Procedeuse ao desbroce e limpeza de camiños forestais. Foi despexado o entorno do poboado Mergelina por petición de Patrimonio.
Reparación do parque de Chans.
Reparación e limpeza do depósito de auga de Chans.
Limpeza da mina de auga de Ermitán, á que se dotou dunha porta metálica.
A zona baixa de Chans-Sangriña foi liberada de acacias e vexetación invasiva. Na mesma zona procedeuse a repoboación forestal con máis de 600 árbores nobres.
Arranxo da pista de Chans a Ermitán nos primeiros 220 m. e arranxo da pista de Seixos Albos a o Sisto e de aí á Saá. Estas intervencións foron case sen custo para a Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos, grazas a colaboración de Miguel Ángel Español Otero, concelleiro de obras, ao cal a Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos estálle moi agradecida, posto que prestou a maquinaria da Mancomunidade de Concellos do Baixo Miño e unha semana de traballo, gratuitamente. A Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos correu cos gastos de material.
O alumnado do CEIP A Sangriña plantou 225 árbores na zona de Chans.
O alumnado do CEIP As Solanas plantou 225 árbores na zona de Chans.
Os alumnos do Instituto prantarán 40 árbores doados pola Fundación da Voz de Galicia, dentro do Proxecto Voz Natura.
Procedeuse a reparar os danos provocados polo temporal no parque de xogos da Finca do Crego.
Sustituíronse varios tubos danados por outros de aceiro. Pintouse a mobiliario de xogos. Un temporal posterior danou outros tubos. Foi pedido un orzamento para proceder a súa sustitución.
Pintáronse os quioscos baleiros de monte que estaban moi deteriorados. As vigas exteriores da casa, moi deterioradas polas intemperies, foron pintadas e tratadas seguindo as indicacións do arquitecto. O arquitecto a petición da Xunta Rectora veo a verificar o estado das vigas exteriores do baixo que están arqueadas se comprometeu a darnos unha solución.
Adquisición de diverso mobiliario para a casa e un proxector, de gran utilidade para toda clase de actos e actividades.
Grazas a intercesión de Conchi Ortega, concelleira do PP a Xunta Rectora da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos puido reunirse con Nava Castro, Directora de Turismo da Xunta de Galicia, quen informou de que hai un fondo de 200.000,00 euros pendentes de investir no monte por falta de haberse presentado algún proxecto pola alcaldía. A Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos non ten capacidade para xestionar tal investimento e propuxémoslle ao presidente do Padroado que fose éste quen presentase un anteproxecto. Aceptou e pasados uns días presentounos a proposta para e instalacións e mellora na zona de cobro do acceso ao monte Santa Trega, elaborado polo arquitecto guardés Mauro Lomba Martínez, que parece moi apropiado. Con todo, esta intervención será feita enteiramente na parte da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de A Guarda. Nós con xenerosidade aceptámolo xa que esa cantidade era para investir na propiedade de Camposancos. O Monte Trega será o gran beneficiado.
Foron alugados 3 dos 2 quioscos baleiros, en condicións semellantes aos antigos inquilinos.
Asunto: Gastos do ascensor.
Orona é a empresa encargada do mantemento do ascensor. Os gastos son excesivos posto que non ten uso. Logo da negociación, no sucesivo só se farán 9 revisións (obrigatorias) en vez de 12 anuais. O custo por revisión pasou de 104,40 euros por revisión a só 62,60 euros.
Actualmente un equipo da Asociación Avelaíña está traballando na recuperación do parque de Chans. A Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos paga o material. Os salarios son pagados pola ONCE. Aparte dos beneficios derivados desta intervención, a Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos ten a satisfacción de contribuir á reinserción de persoas con problemas de discapacidade.
Dende o 1º de marzo un grupo de 4 peóns está traballando na erradicación de acacias en zonas onde xa se procedera ao mesmo na tempada pasada. Tamén están facendo as covas para proceder a unha nova plantación de árbores nobres. Ben pronto os árbores plantados ascenderán a 1.000 unidades.
A continuación procederán a despexalos sendeiros afectados polo temporal.
Vanse efectuar traballos co fin de levala auga de Ermitán a Chans, onde é necesario coidar das árbores recentemente prantadas.
José Fernando Martínez indica que as contas e tódalas facturas están accesibles a todos aqueles que desexen consultalas polo miúdo.
Un asistente amosa a súa satisfacción pola última Paletada, celebrada no Hotel Molino. Pediu un aplauso pola organización. José Fernando Martínez aproveita a ocasión para dalas cifras do custe. En total 5.225,00 euros, en lugar dos máis de 8.000,00 euros da edición anterior. E sinala que nas contas oficiais a cantidade que figura é de 7.456,25 euros debido a que unhas facturas non tiñan o IVE e, polo tanto, non eran legais.
Actividades Culturais:
Lucía Martínez presenta diante da asemblea de comuneiros os proxectos culturais realizados no exercicio 2016, utilizando un vídeo coas imaxes dos carteis e fotos das actividades, que foron as seguintes:
-Actividades semanais na casa: percusión tradicional, Obradoiro de Canto Tradicional "Cantares do Brueiro", memoria, arteterapia, ioga, zumba, danza enerxética, danza e percusión africana, pilates, bailes de salón,...
-Actividades anuais:
Festas de Nadal, Samaín, Letras Galegas, Día da Muller, Laconada-paletada, Ciclo de Cinema, Andainas, Charlas, Exposicións, Teatro, "Música e palabras",...
Asimesmo, presentou a programación dos proxectos a realizar neste exercicio:
1.- Continuarán as mesmas actividades semanais que se realizan actualmente na Casa de Montes, exceptuando: - Percusión tradicional e arteterapia, porque os profesores que as impartían non o poden seguir facendo por motivos de traballo.
- Bailes de salón e clases de gaita por falta de xente suficiente para seguir formando grupo.
2-Dentro da programación anual:
-Daremos continuidade ás actividades anuais realizadas (festas, cinema, andainas, charlas,...).
-Durante todos os primeiros sábados de cada mes realizarase a última actividade presentada "Música e palabras", e contaremos tamén cos novos proxectos, como son un obradoiro de xadrez, concertos de música, concurso-exposición de fotografía, e varias actividades para os mais pequenos (xogos, contacontos, andainas,...).
Lucía remata a exposición, animando os comuneiros a participar e a colaborar nesta tarefa que é de todos e para todos e que, por suposto, estaremos sempre dispostos a escoitar suxestions e novas propostas por parte da asemblea.
Rogos e preguntas: Unha comuneira quéixase de tres grandes árbores potencialmente perigosos moi preto de casas habitadas. Pide que a Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos tome as medidas necesarias para eliminalos. José Fernando Martínez respóndelle que non están situados en terreos da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos, polo que non se pode intervir, e daquela terá que procurar os donos para que tomen as medidas necesarias.
Un comuneiro propón que se faga un mapa dos camiños forestais abertos no monte a fin de que poidan ser utilizados para recreo. José Fernando Martínez acolle ben esta proposta. De feito, xa existía a vontade de realizala así como proceder a instalar indicadores de pedra co fin de facilitalo turismo.
María Jesús Martínez suxire a instalación de xogos infantís adecuados a nenos minusválidos. A idea é ben acollida e será tida en consideración.
María Jesús Martínez informa dun problema de horarios dos empregados do Padroado. En efecto, prodúcese un solapamento cos horarios de peche de Museo e da caseta de peaxe. Dado que a peaxe de acceso comporta o dereito a entrada no museo, sucede que moitos turistas pagan a peaxe sen posibilidade de entrar no museo. José Fernando Martínez promete trasladar este problema ao Padroado.
María Jesús Martínez advirte da presenza no monte dunha especie de mosca invasora que ataca a madeira e pode resultar moi perniciosa para a flora. Solicita que se informe deste problema as institucións pertinentes.
Sen mais asuntos que tratar levantouse a sesión.
Ningún comentario:
Publicar un comentario