7 de mar. de 2017

FORMACIÓN

A Xunta de Galicia facilitará a 3.000 galegos o acceso á formación para obter os certificados de profesionalidade 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a 11º edición das probas que realiza a Consellería de Economía, Emprego e Industria dirixidas ás persoas que non teñen ESO ou Bacharelato, requisitos mínimos esixidos para acceder á Formación para o Emprego  

Galicia é pioneira desde 2009 na realización destes exames que se centran nas materias de lingua galega, castelá, inglés e matemáticas  

As solicitudes poderán presentarse desde mañá ata o 24 de marzo e está previsto que o exame sexa o 13 de maio  
O Goberno galego reservará este ano unha parte da programación dos cursos para desempregados á formación en competencias clave  

Preto de 25.000 galegos e galegas sen estudos participaron nestas probas desde que se convocaron por primeira vez en 2009  

Infogauda / Santiago de Compostela

 A Xunta de Galicia vén de convocar a 11º edición das probas, de Competencias Clave, para facilitar aos traballadores e traballadoras galegas, que non posúan os requisitos académicos da ESO ou do Bacharelato, o acceso á formación para obter os certificados de profesionalidade, e polo tanto para incrementar as posibilidades de obter un posto de traballo.
 A Consellería de Economía, Emprego e Industria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria destas probas que cada ano se realizan en Silleda e coas que se poden acadar os requisitos mínimos que aseguran que os alumnos e alumnas posúen os coñecementos necesarios para realizar a formación correspondente aos novos certificados de profesionalidade con validez en todo o territorio nacional.
 As solicitudes poderán presentarse desde mañá ata o 24 de marzo e está previsto que o exame sexa o 13 de maio.
 Galicia é pioneira na realización destes exames que se centran nas materias de lingua galega, castelá, inglés e matemáticas. A Administración autonómica realiza estas probas desde o ano 2009 e desde entón 25.000 galegos e galegas que carecían dos requisitos académicos esixidos puideron acceder á Formación para o Emprego e aos certificados de profesionalidade. Son probas de avaliación sobre un conxunto de contidos xerais de formación básica en diferentes áreas de coñecemento, necesarios para todas as especialidades formativas e laborais.
 O Goberno galego sigue a apostar pola convocatoria destas probas, tanto polo seu bo nivel nos resultados como pola alta participación que rexistra. En 2016, a porcentaxe de persoas que resultaron aptas para o nivel da ESO foi do 72%; e para o nivel de Bacharelato do 58% .
 De feito, o Goberno galego reservará este ano unha parte da programación dos cursos para desempregados á formación en competencias clave.
 A mellora da cualificación profesional dos traballadores e traballadoras galegos é un eixo prioritario na Axenda 20 para o Emprego. O seu reto é a formación e capacitación ao longo da vida laboral dos traballadores. Entre as 20 medidas previstas nesta folla de ruta inclúese a priorización e a mellora da cualificación dos colectivos a quen van dirixidas estas probas de avaliación. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario