24 de mar. de 2017

EMIGRACIÓN

As familias galegas residentes no exterior poden optar desde hoxe ás axudas sociais individuais, ás que emigración destina 2,1 millóns 

Esta acción social da Secretaría Xeral supón en torno á terceira parte do orzamento efectivo para o presente ano  

A axuda, de pago único cada ano, resulta fundamental en moitos casos para o mantemento das condicións de vida dos galegos da diáspora 

Infogauda / Santiago de Compostela

 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica na súa edición de hoxe a convocatoria das axudas económicas individuais a residentes no Exterior para o ano 2017, da Secretaría Xeral da Emigración, que axuda con esta convocatoria a paliar as necesidades básicas de en torno a oito mil familias galegas do exterior, cada ano, no que atinxe á subsistencia e atención socio sanitaria daquelas en situación económica máis delicada.
 O prazo para realizar a correspondente solicitude remata o 3 de maio de 2017, se ben pode presentarse desde mañá mesmo. Trátase do principal investimento que realiza o departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda, o máis relevante no aspecto de dotación económica e tamén de relevancia social. A convocatoria realízase en réxime de concorrencia non competitiva, dirixida aos emigrantes de orixe galega, e a determinados familiares residentes no estranxeiro, que acrediten atoparse en situación de alta precariedade económica.
 O grao de dependencia, a gravidade das enfermidades e os seus tratamentos, os ingresos económicos, e a idade do solicitante, así como as cargas familiares, son os criterios básicos de valoración. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas que demostren carecer de rendas, ingresos ou patrimonio suficientes para a subsistencia, e cumprir os requisitos de necesidade estipulados en de cada tipo de axuda.

 Sete tipos



 A convocatoria abrangue sete tipos de axuda. As primeiras son aquelas por unidade familiar en situación de precariedade; as segundas por situación de dependencia ou enfermidade grave do solicitante; as terceiras por situación de dependencia ou enfermidade grave no seo da unidade familiar; as cuartas por invalidez ou enfermidade permanente; as quintas por cobertura de medicamentos e tratamentos de enfermidades crónicas ou graves cando teñan un custo elevado; as sextas para as mulleres que sufran violencia de xénero; e as últimas para paliar unha situación de desemprego na unidade económica familiar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario