26 de mar. de 2017

ECONOMÍA

Economía amplía nun 14,8% as axudas para apoiar a contratación de orientadores laborais que poderán chegar ata os 28.000 euros 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar esta liña de apoios para 2017 ás que se destinará máis de 6,2 millóns de euros  Estímase a contratación de 240 orientadores que poderán atender ao redor de 85.000 persoas  

A Xunta financiará con esta iniciativa ás entidades locais ou sen ánimo de lucro que leven a cabo accións de información profesional para o emprego para mellorar as posibilidades de ocupación dos demandantes dun traballo  
O prazo de solicitude está aberto ata o 24 de abril   

Infogauda / Santiago de Compostela

 O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar unha liña de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria por máis de 6,2 millóns de euros destinada a apoiar este ano a contratación de persoal técnico de información, orientación laboral e prospección de emprego por parte de entidades locais e sen ánimo de lucro, así como as confederacións e asociacións empresariais e sindicais de Galicia. O prazo para a presentación das solicitudes rematará o 24 de abril.
 Trátase dunha contía que aumenta nun 14,8% con respecto ao ano anterior. Con estas axudas, que forman parte da Axenda 20 para o Emprego, estímase a contratación de 240 orientadores laborais, que poderán atender ao redor de 85.000 persoas.
 En concreto, o departamento autonómico financia con esta iniciativa a contratación ou prórroga da contratación do persoal técnico das entidades locais e sen ánimo de lucro que en Galicia leven a cabo accións de orientación profesional para o emprego enfocadas á realización de itinerarios personalizados de inserción profesional co obxectivo de mellorar as oportunidades de ocupación dos demandantes de emprego inscritos no Servizo Público de Emprego.
 A contía máxima da axuda é con carácter xeral de 25.000 euros por cada persoa técnica de orientación laboral contratada a tempo completo durante un período de 12 meses, aínda que no caso das entidades sen ánimo de lucro que se dediquen fundamentalmente á realización de actividades de atención a persoas con discapacidade o apoio alcanzará os 28.000 euros.
 O salario, que percibirán as persoas contratadas ou ás que se prorroguen o contrato, será o acorde a súa categoría profesional e titulación.
 Co financiamento destas accións en materia de orientación, a Consellería busca facilitar a inserción e reincorporación laboral dos desempregados, ademais de favorecer a súa mobilidade profesional no mercado de traballo e dar apoio para que os destinatarios tomen as decisións máis axeitadas respecto das súas necesidades formativas.
 Tamén se procura mellorar a empregabilidade dos traballadores e desenvolver o espírito emprendedor e as iniciativas de autoemprego. A Xunta, ademais, pretende potenciar, tamén a través desta iniciativa, unha participación activa no procedemento de acreditación das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral.
 Entre as accións que estes técnicos desenvolven destacan a información sobre o mercado de traballo e as medidas e servizos ofrecidos polo Servizo Público de Emprego; un diagnóstico individualizado dos demandantes de emprego, así como un seguimento personalizado; o contacto con empresas para difundir información sobre as iniciativas para facilitar a inserción laboral dos desempregados; ou un apoio das iniciativas emprendedoras. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario