O BNG chama a mobilizarse e apoiar a manifestación do dia da clase obreira galega convocada pola CIG
BNG / Baixo Miño
Nos últimos anos, os efectos das reformas laborais dos diferentes gobernos do PSOE, e máis destacadamente do PP, afectaron enormemente ás nosas condicións de vida e de traballo.
A reforma laboral do ano 2012 do Partido Popular está causando estragos nos dereitos laborais conquistados en tantos anos de loita. A deterioración das condicións de traballo implica un incremento da pobreza. Así como en décadas anteriores a proporción de galegao que vivían baixo o limiar da pobreza se reducira, actualmente estas porcentaxes non fan máis que incrementarse.
Hoxe sabemos que o Estado español é o único caso no que a suma dos salarios da clase traballadora descendeu nestes 6 últimos anos preto dun 11%. Contrariamente, no resto da UE os salarios subiron por encima do 9% nos casos de Alemaña e Francia e do 4,45% en Portugal. Os salarios que perdemos, que “nos roubaron” en tan pouco tempo, pasaron a mans dos ricos (o capital), que incrementaron a súa riqueza neste mesmo período en máis do 18%.
Así pois desde o Bloque Nacionalista Galego facemos un chamamento a toda a veciñanza a que acudan con nós a manifestación do dia da clase obreira, este venres 10 de marzo ás 20:00 en Vigo para rachar coas reformas e recuperar os nosos dereitos laborais. Desde a CIG poñen a disposición un autobús de balde con paradas na Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui para o que é preciso reservar praza no: 986 610 465 /616 090 632.
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario